O Consorcio de Santiago conmemora o seu trixésimo aniversario, celebrándoo cunha campaña que busca concienciar sobre a necesidade do coidado do legado Patrimonio Mundial que recibimos dos nosos antepasados. Esta campaña leva por título "Contigo coidamos Santiago".
Con esta acción, búscase destacar que as boas prácticas no coidado do patrimonio xeran calidade de vida e melloran a convivencia. Ademais, faise fincapé en que entre todos e todas, tanto veciñanza, como visitantes, empresas ou administracións, somos responsables e temos o deber de conservar esta herdanza e transmitirlla ás vindeiras xeracións.
Para manter este legado naceu o Consorcio de Santiago hai trinta anos, buscando coordinar e promover as accións do Goberno de España, Xunta de Galicia e Concello de Santiago, orientadas á preservación e revitalización da Cidade Histórica e do seu patrimonio cultural.
Unha institución para coidar do pasado e facer que Santiago siga mirando cara ao futuro.