“A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía” recibe no seu primeiro mes a máis de 8.000 visitantes

A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía
martes, 28 Abril, 2026

A exposición da Casa do Cabido "A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía" recibiu desde a súa apertura ao público a máis de 8.000 visitantes, confirmando a boa acollida desta proposta expositiva. A mostra reúne unha selección de obras do colectivo artístico LUCET e propón unha interpretación visual da cidade a través da acuarela, da fotografía, do pastel e do óleo. 

 

Quen desexe visitar a exposición pode facelo de balde no horario habitual de apertura, que é de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:00 h e domingos de 11:00 h a 14:00 h.

 

Un percorrido pola esencia de Compostela

 

O colectivo LUCET está integrado polos creadores plásticos Rosario Puente Vázquez, María José Puente Vázquez, Melania Gómez Barral, Ana Cancela Muras, Julia San Martín del Barrio, María del Carmen Valverde, Francisco Hervella Rodríguez, Dolores Mato Gómez e o fotógrafo Salvador Galbán Dios. A diversidade de formacións e linguaxes artísticas dos seus integrantes dá lugar a un discurso coral no que as miradas individuais conflúen nunha interpretación compartida de Compostela.

 

A mostra estrutúrase arredor de tres ámbitos conceptuais interrelacionados: os espazos naturais e periféricos, o tecido urbano histórico e contemporáneo e a presenza humana como elemento vertebrador da paisaxe urbana. Estes tres eixes permiten explorar unha cidade na que se superpoñen tempos, usos e significados, configurando así a identidade complexa de Compostela.

 

Os arredores naturais, como ríos, camiños e paisaxes limítrofes, preséntanse como espazos de tránsito entre o urbano e o rural, mentres que no ámbito urbano a cidade histórica e a cidade nova aparecen como un territorio estratificado no que a arquitectura actúa como soporte da memoria colectiva. A presenza humana introduce, ademais, unha dimensión social que reforza a idea de Compostela como un lugar de encontro, movemento e transformación constante.

 

“A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía” convida a descubrir unha visión pausada e sensible da cidade, afastada da representación turística ou meramente documental, e propón unha aproximación artística que pon en valor a súa identidade cultural e a experiencia cotiá dos seus espazos.