Belén Hernández, nomeada nova xerente do Consorcio de Santiago

luns, 22 Decembro, 2014

O Consorcio de Santiago acaba de celebrar a súa Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo, Agustín Hernández. Entre os temas abordados na orde do día, nomeouse a Belén Hernández como nova xerente do Consorcio de Santiago. Foi directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -AGADER- dende a súa creación ata o ano 2005. “É unha persoa cunha ampla responsabilidade e experiencia na xestión pública, cun perfil técnico, de xestora, e moi coñecedora da Administración Xeral do Estado” -salientou o alcalde-. Tomará posesión o 1 de xaneiro.

 

Tamén se presentaron os novos Estatutos da entidade e os presupostos para o vindeiro ano, ao tempo que se deu conta da cesión do Museo das Peregrinacións e de Santiago a favor de Patrimonio do Estado por un período de trinta anos a partir do 1 de xaneiro de 2015. E fíxose unha solicitude á Universidade de Santiago para que a cafetería da Casa de Europa -inmoble pertenente ao patrimonio do Consorcio- sexa de uso público.

 

Os presupostos do Consorcio de Santiago para 2015 ascenden a 9.117.471,05 euros. A aportación da Administración Xeral do Estado é de 4.795.150 €, o Concello de Santiago achega 1.361.295,28 € e a Xunta de Galicia 2.684.413 €. 

 

Para os gastos correspondentes a Dirección e Administración Xeral, o Consorcio destinará 1.023.968,92 €, o que representa un 11,23 % do orzamento global. O organismo mantén tres programas operativos: o Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica, para o que se dedicarán 490.209,73 € (5,38 % do total); o Programa de Recuperación Urbana, cun orzamento de 2.285.494,31 € (25,06 %); e o Programa de Dinamización Turístico-Cultural, que conta cun presuposto de 5.317.798,094 € (58,33 %).

 

O Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica

 

No marco deste programa, o vindeiro ano avanzarase na posta en marcha do Sistema de Información Patrimonial da cidade de Santiago de Compostela, “unha ferramenta básica para o coñecemento da cidade que nos servirá para orientar eficientemente os programas e políticas de recuperación urbana que promova o Consorcio e a Administración local”. 

 

Por outro lado, o Departamento de Estudos Históricos e Publicacións manterá o seu labor de difusión e divulgación dos resultados da investigación centrada na cidade compostelá. Ademais, en 2015 o Consorcio proseguirá coa xestión da Casa do Cabido e coa realización de exposicións e outras actividades culturais no seu seo. Por outro lado, o organismo continuará coa súa participación en proxectos europeos centrados na eficiencia enerxética, así como na elaboración do Plan Especial Director de Ordenación e Rehabilitación do Camiño Francés de Santiago no termo municipal.

 

O Programa de Recuperación Urbana

 

No relativo ás intervencións no ámbito da rehabilitación e a recuperación urbana, dedicaranse 1.544.862,01 euros, dos cales 800.000 € serán para o desenvolvemento do Plan Director da Catedral de Santiago, 578.862,01 € para a rehabilitación de monumentos e a restauración de bens mobles, 86.000 € para diferentes actuacións no Auditorio de Galicia e habilitaranse 80.000 € en axudas para edificacións de titularidade privada. Por outro lado, a posta en valor turístico do patrimonio e o mantemento dos enlousados da cidade histórica ascende a 170.000 euros. 

 

En 2015 crearase o “taller da enerxía”, a través do cal se ofrecerá aos cidadáns da cidade histórica un servizo de asesoramento e asistencia técnica en relación á xestión enerxética dos edificios e vivendas. 

 

O Programa de Dinamización Turístico-Cultural

 

No eido musical, para a Real Filharmonía de Galicia destinaranse 4.133.764,34 euros e para a Escola de Altos Estudos Musicais 404.033,75 €.Ademais, o Consorcio colaborará co Concello de Santiago na realización do espectáculo dos Fogos do Apóstolo, co Auditorio de Galicia para o desenvolvemento do festival de cine “Cineuropa” e doutras actividades culturais, e coa Universidade de Santiago no programa “ConCiencia”. O organismo apoiará tamén diversas iniciativas de dinamización cultural, como a Fundación Eugenio Granell ou o curso universitario internacional de música española “Música en Compostela”. 

 

Modificación dos Estatutos do Consorcio

 

A modificación da Lei 27/2013 de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local obriga a modificar os Estatutos dos consorcios xa constituídos. En virtude destes cambios lexislativos, os consorcios cambian a súa natureza xurírica, de xeito que deixan de ser entidades locais para converterse en entidades adscritas á Administración Xeral do Estado.