A Casa do Cabido acolle a exposición dos 125 anos da Escola “Mestre Mateo”

xoves, 26 Febreiro, 2015

A Casa do Cabido, na Praza das Praterías, acolle a exposición “CENTO25 sinerxias creativas”, que conmemora os 125 anos da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, con sede en Santiago. 

 

A Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela fundouse en 1888, situada daquela no edificio San Clemente, que na actualidade acolle o Instituto Rosalía de Castro. En 1946 trasládase a San Agustín, onde continúa hoxe. Con motivo do seu 125º aniversario, os alumnos da especialidade de Arquitectura Efémera crearon esta exposición como un proxecto dos seus estudos. 

 

Entre as pezas máis antigas atópase un torso de finais do século I antes de Cristo

 

Na entreplanta da Casa do Cabido exhíbese un busto de Montero Ríos, que foi o mentor do proxecto de creación da Escola de Artes e Oficios de Santiago, realizado por Ramón Núñez en torno a 1908. Ao longo da súa historia, pero sobre todo a principios do século XX, a escola adquiriu moito material de escaiola para as clases de debuxo artístico, chegando a conseguir unha importante colección, con obras procedentes de distintos puntos de España, Francia e Italia. Desta colección poden verse varias pezas, entre elas un torso de Mérida de finais do século I antes de Cristo, posiblemente empregado como torso de Xúpiter ou como torso imperial romano, achado no centro de Mérida. Tamén se mostran esculturas das antigas Grecia e Roma, xunto con baleirados dunha columna do Pórtico da Gloria e de dúas columnas do Mosteiro de Antealtares.

 

Material técnico e científico

 

Durante os anos 1907 e 1909, grazas á concesión de créditos extraordinarios por parte do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes, a escola puido adquirir importante material técnico e científico para talleres e laboratorios. Así, unha das salas da primeira planta reúne varios aparatos do laboratorio de Física e Química, entre eles unha cámara escura. 

 

Durante o período de 1912-1936, no que a escola se denominaba Escola Elemental de Artes e Oficios, impartíanse as materias de Aritmética e Xeometría Prácticas e Elementos de Construción. De aquí proceden varias das maquetas que se exhiben, xunto cunha caixa aritmética de principios do século XX e diferentes corpos xeométricos.

 

Noutra das salas da primeira planta móstrase un proxecto do escultor Rafael de la Torre Mirón para a Capela das Reliquias da Catedral de Santiago. Por outro lado, durante o período de 1903-1912, no que a escola se chamaba Escola Especial de Artes e Industrias, a nova materia de Labra Artística sufriu os problemas de falta de orzamento para a adquisición de materiais caros como o mármore e a madeira. A pesar de todo, nesta exposición pódense contemplar dúas delicadas obras realizadas por alumnos do centro: un ornamento renacentista e un anxobarroco.

 

Un cofre galardoado na Exposición Iberoamericana en Sevilla en 1929

 

Os asistentes tamén poderán ver un templete de aceiro cincelado de 1912-1936. Ademais, en 1929 ten lugar a Exposición Iberoamericana en Sevilla e a escola participa enviando, entre outras obras, un cofre realizado en latón repuxado, que foi distinguido cun “Diploma de Honra”. Así mesmo, exhíbese unha arqueta repuxada por alumnos a mediados do século pasado.

 

Para a posta en marcha do centro, en 1887 a Calcografía Nacional concedeu unha colección de gravados que servían como modelos de debuxo e composición na docencia e que posúen un importante valor artístico. Nesta exposición recóllense varios orixinais e reproducións a pequeno tamaño para que os asistentes poidan miralas con detalle. 

 

Moda, deseño de produtos, esculturas, instalacións, fotografías, vídeos e xoias

 

A segunda planta da Casa do Cabido está concibida como unha gran sala aberta. No eido da moda preséntanse looks completos de varias alumnas. No caso dos deseños de produtos desenvoltos por estudantes, destaca unha vaixela feita en colaboración con Sargadelos, unhas sillas, un foguete pensado como parte do mobiliario dun parque infantil e unha lámpada-xirafa. Tamén se mostran unha serie de esculturas realizadas en materiais diversos, en particular ferro, cerámica, madeira e mármore.

 

Por outro lado, pódense admirar traballos fotográficos e audiovisuais, ademais dunha selección de pezas de xoiería creadas por alumnos do centro. A mostra complétase cunha instalación de Arquitectura Efémera, xunto con traballos de exposicións, stands... dos estudantes desta especialidade.

 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata mediados do mes de xullo. E poderá visitarse de luns a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada.