Convócase a praza de director técnico da Real Filharmonía de Galicia

mércores, 19 Novembro, 2014

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo, Agustín Hernández. Diversos asuntos de trámite administrativo centraron a sesión, como o suplemento de crédito para as obras destinadas á renovación de carpinterías e limpeza da fachada sur do Pazo de Raxoi. Ademais, no programa de exposicións incorporouse a mostra “Gold, green and black”, que acolle o Museo das Peregrinacións e de Santiago, centrada en fotografías da cidade. 

 

Entre os temas abordados na xuntanza, aprobáronse as bases para convocar a praza de director técnico da Real Filharmonía de Galicia (RFG), cuxa xestión depende do Consorcio de Santiago. A finais de agosto Oriol Roch, que levaba dez anos ao fronte da formación, solicitou un ano de excedencia no cargo para ocupar o de director xeral da Orquestra Sinfónica de Euskadi, polo que a praza quedou vacante. A finalidade desta convocatoria é pois a contratación temporal do director técnico da RFG con carácter de interinidade.

 

Os aspirantes que desexen formar parte deste proceso selectivo deberán reunir unha serie de requisitos, en particular estar en posesión dunha titulación superior. No currículo acreditarase a traxectoria, idiomas e experiencia profesional, xunto cos títulos, cursos e diplomas obtidos. Ademais, os candidatos terán que presentar unha proposta estratéxica e de xestión para a Real Filharmonía de Galicia. Valorarase a experiencia profesional en tarefas de máxima responsabilidade técnica nunha orquestra pública e/ou nunha institución ou organismo público ou privado de índole cultural.

 

Toda a documentación necesaria deberá presentarse no rexistro do Consorcio de Santiago antes de que remate o prazo, que é de vinte días naturais contados a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o Consorcio ditará, nun período máximo de quince días, unha resolución, declarando aprobada a lista de admitidos e excluídos temporalmente. Logo haberá cinco días hábiles para subsanar os reparos sinalados. Resoltas as posibles reclamacións, publicarase a lista definitiva de admitidos e excluídos; e indicarase o lugar, hora e data na que o tribunal realizará as entrevistas persoais aos aspirantes. Rematado o proceso, constituirase unha lista de espera cos candidatos non seleccionados que terá unha vixencia de dous anos.