A exposición “Picheleir@s” recolle algúns dos oficios con maior protagonismo en Santiago dende a Idade Media

venres, 18 Xullo, 2014

“Picheleir@s” é unha exposición do Consorcio de Santiago que recolle a maioría de oficios e profesións que tiveron protagonismo na cidade dende a Idade Media ata a actualidade. Exhíbese a través dunhas bandeirolas penduradas de 30 edificios do casco histórico compostelán.  Cada bandeirola mostra a un persoeiro real, cun oficio particular, e sitúanse na fachada dos edificios nos que viviron ou traballaron. Ademais, estase a preparar un libro en coedición coa editorial “Positivas”, que se presentará nos vindeiros días e onde se detalla cada un destes oficios e a vida destes personaxes.

 

A exposición inaugurouse esta mañá na zona vella, coa asistencia do alcalde de Santiago, Agustín Hernández; a concelleira de Cultura, María Antón; e a comisaria da mostra, Mercedes Pintos. Xuntos fixeron un percorrido por varios dos edificios dos que penden estas bandeirolas, co fin de coñecer a historia que agochan. Sitúanse en rúas e prazas como as do Toural, Bautizados, Raíña, Praterías, A Quintana ou Vía Sacra, entre outras. A mostra permanecerá ata o mes de outubro.

 

Nas bandeirolas aparece o nome do personaxe, o seu oficio e a data referenciada na documentación que existe de cada un. Complétanse cun debuxo dos persoeiros, realizado polo ilustrador galego Xulio Gayoso, e unha frase explicativa de quenes eran e en que consistía o seu traballo. O deseño das bandeirolas é de Libertad Ramírez.

 

Picheleiros é como se lles chama aos composteláns, en alusión aos artesáns que facían os picheis, recipientes usados sobre todo para extraer o viño dos barrís, e outros trebellos de cociña, todos eles de estaño. Xunto a ilustres arquitectos e escultores, ao longo da historia existiron miles de persoas anónimas que co seu esforzo silencioso lograron que a cidade de Santiago sexa hoxe Patrimonio da Humanidade. Con esta iniciativa búscase recuperar a esas xeracións de picheleiros que foron tecendo a rede urbana.

 

Dende o Consorcio escolleuse unha pequena mostra representativa de homes e mulleres con oficios humildes, a maioría deles xa desaparecidos, que contribuíron a conformar Compostela. Na maioría dos casos o emprazamento é aproximado porque moitas casas caeron, construíndose no soar outras máis grandes e de estilo diferente.

 

Albergueiros, doantes, forneiros, cambeadores de moedas, pregoeiros, coidadores de canos, cereiros, hostieiros, leiteiras… e picheleiros

 

O primeiro persoeiro ao que se lle dedica esta exposición está referenciado no ano 1226; é o concheiro Fernando Estévanez, que tiña unha tenda aberta na rúa dos Concheiros, pola que pagaba morabitinio e medio á Catedral. Pola mesma época o albergueiro Pedro Miguélez hospedaba a peregrinos e visitantes, aos que “non lles faltaban bos xergóns, lenzos limpos, cobertores abrigosos e un bocado de balde”. Pola súa parte, o forneiro Juan Pérez “acatando as ordenanzas, debía facer sen fraude bo pan, salgado e limpo por un nummo, segundo o peso dado polo Concello”.

 

Houbo un tempo no que os doantes tiveron un papel importante. Ao redor de 1314 a monxa Juana Estévez doou ao convento de Belvís “todos os bens que tiña no Bierzo, tomando os hábitos xunto á miña filla, ao tempo que o meu home e o meu fillo profesaban en Bonaval”. E uns anos máis tarde Mariña Fernández de Tudela doou un terreo “na cortiña de don Xiao para fundar o hospital de Santa Cristina a cargo das irmáns da Orde Terceira de San Francisco”.

 

A brosladora (bordadora) Catalina de Pomares, referenciada no ano 1602, bordou co seu home para a capela da Corticela da Catedral “unhas andas con seis baras de terciopelo carmesí a quatro ducados e ouro de Milán”. Ao redor de 1629, o entallador Francisco de Antas facía, ademais de retablos, mesas de billar “para a distracción dos grandes señores”.

 

A mediados do século XVII o prateiro Matías Vieites do Casal foi elixido procurador xeral de Santiago por 800 votos do pobo e o Concello non quixo recoñecelo por ser o primeiro artesán que alcanzaba este cargo. Por outro lado, a finais do XIX tivo lugar unha das primeiras folgas que se lembra na cidade, a do gremio dos zapateiros, que loitaban “contra o patrón e os zapatos de pacotilla dos comercios”.

 

A historia máis recente sitúase no ano 1981 e corresponde á mestra Celia Rodríguez, coñecida como A Manca, que, ademais de ensinar aos rapaces, “acobillaba aos pequechos nun embrullo de mantas cando as nais ían traballar”.

 

A mostra recolle oficios tan singulares como os coidadores de canos, que se encargaban de reparar e manter en bo estado os canos que conducían a auga. Tamén están representados os carniceiros, cambeadores de moedas, pregoeiros das ordenanzas municipais, coengos, notarios, pedreiros, acibecheiros, cereiros, doutores, fogueteiros, vendedores de liño, xornalistas, gravadores, arquiveiros, hostieiros, gaiteiros, leiteiras e, por suposto, os picheleiros.