As ilustracións do conto “Os tesouros da illa de Granellandia” expóñense na Granell

mércores, 29 Outubro, 2014

O Consorcio de Santiago, en colaboración con “El Patito Editorial”, promove a exposición Os tesouros da illa de Granellandia na Fundación Granell. A mostra recolle as ilustracións do conto homónimo escrito por Francisco López-Barxas. Trátase de partes de obras do pintor surrealista galego Eugenio Granell ás que o deseñador Fausto Isorna engade ao protagonista desta historia. Ao acto de inauguración asistiron, ademais do escritor e de representantes da editorial, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde de Santiago, Agustín Hernández; e a concelleira de Cultura, María Antón.

 

Paco López-Barxas inspirouse na figura e na obra de Granell á hora de escribir o seu libro, editado en 2012 polo Consorcio de Santiago e “El Patito Editorial” para conmemorar o centenario do nacemento do ilustre artista. O protagonista desta historia é o pequeno Granell, que vive nun mundo onde todo é de cor negra, en alusión á época escura que viviu o pintor. Un día o rapaz atravesa o encerado da súa clase e chega a unha illa onde se atopa cun universo de cor, unha referencia á chegada de Granell ao Caribe exiliado trala Guerra Civil. Esta illa chámase Granellandia e alí descobre unhas cuncas con tintas nunca vistas, coas que volve visibles formas invisibles. Antes de voltar de novo ao seu país mete nun cofre todos os tesouros que atopou na illa.

 

“É unha viaxe surrealista de ida e volta que pretende achegar aos máis pequenos a vida e a obra do xenial Granell, dende a súa infancia, os longos anos no exilio e, finalmente, a volta a Santiago, a través dos seus cadros” -explica López-Barxas-. O autor indica que o proceso creativo comezou coa elección dun total de 30 obras de Eugenio Granell, que lle serviron como apoio para relatar e ilustrar a súa historia. Son na súa maioría cadros pero tamén debuxos que aparecen en cubertas de libros, unha escultura… e ata un debuxo realizado polo pintor para un selo de Correos. 

 

Estas obras ilustran o conto, xunto cos debuxos do protagonista, realizados polo deseñador Fausto Isorna e que se integran coas pezas orixinais de Granell. Son trazos feitos con xiz de cor branca con fondo en negro que contrastan co colorido dos cadros do pintor surrealista. Así, a exposición reúne as diferentes ilustracións que compoñen o libro e, ao lado de cada unha delas, móstrase unha reprodución dos cadros orixinais de Granell que apoian esta historia. Poderá visitarse ata o 23 de novembro.