O Consorcio de Santiago aproba novos investimentos para a cidade

venres, 4 Abril, 2014

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá Consello de Administración, presidido polo alcalde da cidade e presidente do Consorcio, Ángel Currás. Entre os temas abordados, deuse o visto bo á liquidación do presuposto de 2013 e ao remanente de tesourería dese exercicio, ambos aprobados pola Comisión Executiva o pasado 26 de marzo.

 

En canto á liquidación do orzamento de 2013, obtívose un resultado presupostario axustado de 1.546.568,92 euros. Respecto ao remanente de tesourería, ascende a 2.629.947,20 euros, o que permitirá ao Consorcio destinar máis recursos e incrementar as súas actuacións na cidade ao longo deste ano.

 

Unha subvención de 230.000 euros para o Auditorio de Galicia e outra de 15.000 euros para a Fundación Laboral da Construción

 

Por un lado, apróbanse dúas subvencións directas, unha no marco do programa de dinamización turística-cultural para o Auditorio de Galicia, ao que o Consorcio aportará 230.000 euros para o desenvolvemento de diferentes actividades de fomento e difusión da cultura na cidade. A segunda subvención proposta, cunha contía de 15.000 euros, enmárcase dentro do programa de recuperación urbana e plasmarase nun convenio coa Fundación Laboral da Construción para o financiamento de accións formativas en materia de rehabilitación.

 

Actuacións no Multiusos do Sar e no Palacio de Congresos

 

Por outro lado, este remanente permite a modificación do programa de investimentos de 2014. Así, acometeranse actuacións en edificios propios, en particular eliminaranse as humidades Multiusos do Sar e no Palacio de Congresos, xa que ambos presentan filtracións de auga da chuvia.

 

 

Rehabilitación de monumentos

 

En canto á rehabilitación de monumentos, substituirase a cuberta de tella da igrexa parroquial de San Paio de Sabugueira, na Lavacolla, xa que o seu estado actual pon en perigo aos viandantes. Ademais, a cuberta do Convento do Carme presenta problemas de impermeabilización en diversos puntos, coa consecuente entrada de auga ao inmoble, polo que se propón intervir na mesma.

 

No Pazo de Bendaña, no que o Consorcio xa ten intervido en varias ocasións, é preciso agora acometer pequenas labores de mantemento do pavimento de madeira da terraza, así como da cubrición de tella. O Consorcio actuará ademais na cuberta e nas fachadas da igrexa de Santa María de Figueiras, co fin de evitar a entrada da auga da chuvia e de humidades no interior da nave. No caso da igrexa de San Agustín actuarase tamén nas fachadas para impedir a filtración de auga. E na capela do Cristo do Mosteiro de Conxo levarase a cabo un estudo medioambiental do interior para determinar a causa da súa elevada humidade, co propósito de buscar unha solución a este problema.

 

Ademais, eliminaranse as humidades no Auditorio de Galicia, que presenta filtracións da auga da chuvia ao interior do edificio, situación que afecta á súa habitabilidade.

 

Increméntase a partida destinada ao mantemento de enlousados

 

Dende o ano 2008 o Consorcio desenvolve, baixo encomenda de xestión do Concello, o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos históricos dentro do recinto intramuros da cidade. Nestes tres primeiros meses do ano xa se investiron os 48.850,50 euros previstos na prórroga do contrato do ano 2012. E estase a preparar a nova licitación pública, que contará cunha partida de 100.000 euros.

 

No marco do programa “A pedra que pisas”, os cidadáns poden enviar ao Consorcio fotografías ou denuncias por escrito en relación ao deterioro do empedrado, ao enderezo apedraquepisas@consorciodesantiago.org.

 

Museo das Peregrinacións

 

Tamén se deu a coñecer o estado da tramitación administrativa referente á cesión de uso do edificio do Museo das Peregrinacións e de Santiago, propiedade do organismo, a favor de Patrimonio do Estado. A cesión xa pode realizarse despois de que concluísen as obras de acondicionamento dos espazos afectados pola cautela arqueolóxica no soto do museo.