
O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia presentaron este mércores 17 de decembro no salón de actos da facultade de Filosofía a obra "Mazarelos", do autor Manuel Portas e pertencente á Biblioteca Literaria do Consorcio de Santiago.
Na presentación o autor estivo acompañado por Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Marcos Calveiro, director de edicións da Editorial Galaxia; a escritora e docente Carme Moure e en calidade de asistente, Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia.
Na publicación "Mazarelos", Helena, unha profesora xubilada, novela no ano 2026 as orixes do instituto histórico no que traballou, o Arcebispo Xelmírez I, fundado en 1845 e polo que pasaron figuras centrais da intelectualidade galega do século XIX. De carácter difícil, mesmo discute coas personaxes que participan na trama da súa historia, ambientada nos meses de febreiro e marzo do ano 1856.
Dúas destas personaxes, Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal, exalumnos do centro, xunto co pontevedrés Luís R. Seoane, andan atarefados preparando un revolucionario banquete de confraternidade con obreiros e artesáns que van celebrar en Conxo. Pola súa banda, Xosé López Amarante, director do instituto, vive obsesionado con que o edificio dos xesuítas, en Mazarelos, sexa todo el destinado ao ensino, evitando así as tensións que mantén cos habitantes que por caridade ocupan o terceiro andar, entre eles un carpinteiro e a súa filla, Candeloria, cos que ten enfrontamentos frecuentes.
Unha figura fundamental
A alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín, destacou que Manuel Portas é unha figura “fundamental” para a sociolingüística galega e supuxo “un antes e un despois” nos estudos neste eido.
Ademais, destacou que esta novela suma “unha peza máis” no conxunto novelístico con Santiago de Compostela “no centro” e, o fai, cunha ligazón moi relevante entre o século XIX e a época do Banquete de Conxo, o que convida “reflexionar sobre a nosa propia historia”.
Sobre o autor
Manuel Portas (Barcelona, 1960) estreouse como narrador con "Denso recendo a salgado" (2010), seguida de "Un dedo manchado de tinta" (2011), traducida para o italiano como "Un dito macchiato dínchiostro" (2020), "Faneca Brava" (2013 e 2024), "Amor en alpargatas" (2015), "Lourenço, xograr" (Premio García Barros, 2025), "Por puntos" (Premio Blanco Amor, 2019), "Cadencias" (2020) e "Unha cervexa Chang" (2022).
Foi profesor de lingua e literatura no instituto Arcebispo Xelmírez I, do que tamén foi director, e colaborou en obras de carácter didáctico e publicacións pedagóxicas. Tamén se coñece polo seu labor no campo da análise sociolingüística, onde salienta o seu traballo "Lingua e sociedade na Galiza" (1990), obra de referencia da sociolingüística galega. Colaborador de prensa e radio, a súa dedicación á res pública levouno a participar na vida política e a formar parte do goberno municipal de Compostela durante dous mandatos