O Consorcio de Santiago e Editorial Galaxia presentan un libro que recolle a traxectoria xornalística de Begoña Caamaño

Presentación “Begoña Caamaño, xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela”
martes, 26 Maio, 2026

O Consorcio de Santiago e Editorial Galaxia presentaron este luns 25 de maio no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia a obra “Begoña Caamaño, xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela”, da autora María Xosé Porteiro. A publicación percorre a traxectoria profesional da xornalista e escritora viguesa á que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas 2026.

 

A publicación súmase ás homenaxes arredor da figura de Begoña Caamaño, reivindicando o seu legado como xornalista comprometida coa información independente e veraz, coa defensa dos dereitos das mulleres e coa cultura galega.

 

Na presentación, a autora estivo acompañada por Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa de Santiago de Compostela e presidenta do Consorcio de Santiago, quen ademais asina o prólogo da publicación; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Xesús Domínguez Dono, director de produción de Editorial Galaxia; e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio; e en calidade de asistente, Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia.

 

En “Begoña Caamaño, xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela”, María Xosé Porteiro ofrece un percorrido pola traxectoria profesional e persoal dunha das voces máis comprometidas do xornalismo galego contemporáneo. Desde a súa perspectiva de compañeira de profesión e amiga, a autora reconstrúe a pegada de Caamaño no ámbito da comunicación, onde converxeron xornalismo, compromiso social e literatura.

 

Especializada en información laboral, internacional, política social e cultural, Caamaño destacou tamén pola súa posterior achega á literatura galega coa publicación de “Circe ou o pracer do azul” e “Morgana en Esmelle“, dúas obras coas que se consolidou como unha das autoras máis recoñecidas da narrativa galega contemporánea.

 

Xornalista, feminista e activista da lingua

 

A alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín Rei, puxo en valor a publicación como unha achega á divulgación da figura de Begoña Caamaño, coincidindo coa dedicación do Día das Letras Galegas 2026, nun volume do que asina o prólogo. Ademais, destacou o importante referente que constitúe a figura de Begoña Caamaño, xornalista, veciña de Santiago e activista feminista, que deixou fonda pegada en numerosos artigos xornalísticos e de opinión, cunha traxectoria de compromiso co feminismo atravesada por outras causas relevantes como o pacifismo e a xustiza social.

 

Sobre a autora

 

María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) é xornalista, escritora e feminista. Traballou en prensa e radio en medios como El Pueblo Gallego, Radio Popular, Tiempo, El País, The Washington Post, Tribuna Feminista e La Voz de Galicia, entre outros. 

 

Foi tenente de alcalde do Concello de Vigo (1987–1991 e 2003–2007), onde creou a primeira Concellería de Igualdade e a Casa de Acollida de Galicia, e xefa de Prensa e Relacións Públicas deste Concello (1984—2017). Entre 1989–1997 foi deputada no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados entre 2004–2007, ademais doutros cargos. 

 

Formou parte do Consello da Cultura Galega (2014–2022), onde dirixiu o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). En 2009 recibiu a Encomenda ao Mérito Civil pola súa contribución á política exterior española, e desde agosto de 2019 é adxunta á Valedora do Pobo. 

 

Das súas publicacións poden citarse o ensaio “Quen é quen no primeiro parlamento galego” e as novelas “Covardes,” “Sándalo” e “Tabiba”.