O Consorcio de Santiago licita a obra para renovar a carpintería exterior do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia

mércores, 16 Setembro, 2026

O Consorcio de Santiago vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación das obras de renovación da carpintería exterior do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. O proxecto conta cun orzamento de 502.166,99 euros, IVE incluído, e ten como obxectivo actualizar os elementos exteriores do edificio e mellorar as súas condicións de uso e conservación.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 6 de outubro de 2026.

A actuación permitirá renovar as ventás, portas e outros elementos exteriores que presentan un maior desgaste polo paso do tempo e pola exposición continuada ás condicións meteorolóxicas. Os novos elementos ofrecerán un mellor illamento fronte á entrada de aire e á perda de calor, o que contribuirá a aumentar a eficiencia enerxética do inmoble e a mellorar o confort no interior.

A renovación facilitará tamén a conservación do edificio e reducirá as necesidades de mantemento a medio e longo prazo, ao substituír os elementos actuais por outros adaptados ás esixencias técnicas vixentes e preparados para ofrecer unha maior durabilidade.

Asemade, modificaranse as carpinterías dos grandes ocos das fachadas Leste e Oeste para facilitar a entrada e saída do material necesario para a montaxe e desmontaxe dos stands. En concreto, o pano de vidro inferior, actualmente fixo e situado xunto ás portas de madeira de evacuación, pasará a ser abatible, o que permitirá mellorar os traballos de carga e descarga e facilitará o labor dos profesionais durante a preparación dos eventos. 

Espazo congresual
O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, inaugurado en 1995 e propiedade do Consorcio de Santiago, constitúe unha infraestrutura estratéxica para o posicionamento de Santiago de Compostela como sede de encontros profesionais, institucionais, culturais e sociais de ámbito nacional e internacional. Ao longo dos seus case trinta anos de funcionamento, o edificio experimentou unha evolución progresiva canto á tipoloxía e dimensión dos eventos acollidos.

Con esta nova intervención o Consorcio suma un investimento de 4,4 millóns de euros nestas instalacións, xa que no periodo 2024-2026 destinou 3,9 millóns de euros para a renovación integral da cuberta e da cociña do edificio. Estas actuacións, ás que se suman esta nova licitación para a renovación da carpintería, reafirman o compromiso do Consorcio coa mellora continua dos seus equipamentos e co fortalecemento do papel de Santiago de Compostela como destino de referencia para a celebración de congresos, feiras e encontros profesionais, que contribúe de maneira substancial ao desenvolvemento económico, social e cultural da cidade.