O Consorcio inclúe catro novas actuacións en monumentos para este ano cun orzamento de 84.651,80 euros

xoves, 24 Xullo, 2014

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do Consorcio, Agustín Hernández. Entre os temas abordados nas ordes do día, aprobáronse as contas xerais do organismo relativas a 2013, tratouse a cesión do Museo das Peregrinacións e de Santiago a Patrimonio do Estado, a incorporación de novas actuacións ao programa de monumentos para este ano, xunto coa convocatoria extraordinaria dunha praza de fagot para o curso de posgrao da Escola de Altos Estudos Musicais.

 

O programa de monumentos do Consorcio inclúe catro novas actuacións para este ano, cun orzamento de 84.651,80 euros, que se financian con cargo ás baixas de obras adxudicadas este ano por un importe que ronda os 400.000 euros, como a reparación da tarima do convento de Santa Clara e a intervención no seu enreixado, a mellora da accesibilidade e outras intervencións no Teatro Principal, a renovación das carpinterías e a limpeza da fachada sur do Pazo de Raxoi, xunto coa restauración da igrexa de San Miguel dos Agros.

 

Catro novas obras

 

A estas obras engadiranse as actuacións aprobadas hoxe nas igrexas da Universidade, San Fiz de Solovio, Santa María de Berdía e San Roque de Sabugueira na Lavacolla. Así, levarase a cabo a restauración do retablo maior e dos retablos laterais da igrexa de Santa María de Berdía, que posúen un gran valor artístico e atópanse nun avanzado proceso de degradación. Como paso previo a esta intervención, o Consorcio iniciará de xeito inminente a obra de renovación dos revocos exteriores da igrexa para eliminar as filtracións de agua de chuvia ao interior do edificio.

 

Tamén se restaurará o retablo maior da capela de San Roque, situada na parroquia de Sabugueira, na Lavacolla. Trátase dunha peza de traza barroca de finais do século XVIII. A súa estrutura de madeira está danada debido ao intenso ataque de xilófagos que afecta a todo o conxunto.

 

Por outro lado, estase a traballar nun proxecto de restauración do retablo maior da igrexa da Universidade de Santiago, de traza de Simón Rodríguez e realizado polos escultores Miguel de Romay e Ignacio Romero. A súa calidade é excepcional, tanto pola súa traza como pola execución, estrutura, talla e cor. Na actualidade o retablo está a perder a superficie dourada e policromada de toda a súa superficie.

 

Por último, restaurarase o enlousado granítico da igrexa de San Fiz de Solovio, que está afectado por unhas manchas de orixe orgánica nunha zona moi visible do prebisterio. O traballo realizarao un restaurador especializado debido ao interese patrimonial deste ben.

 

Unha praza de fagot

 

A Escola de Altos Estudos Musicais convoca unha proba extraordinaria para cubrir a praza da especialidade de fagot para o curso de posgrao de Especialización Orquestral 2014-2015. Esta praza quedou deserta nas probas de selección para este curso que tiveron lugar en xullo. Os aspirantes deberán ter o título de Grao Superior ou a certificación de estudos que corresponda e que acredite o remate dos estudos musicais ou ben que se atope en trámites de concluílos. As solicitudes desta convocatoria deberán presentarse ata o 13 de setembro a través da páxina web da escola (www.eaem.es).   

 

Cesión do Museo das Peregrinacións e de Santiago

 

No transcurso da xuntanza abordouse o estado da cesión do uso do Museo das Peregrinacións e de Santiago -edificio propiedade do Consorcio de Santiago- a Patrimonio do Estado. Fíxase o 1 de xaneiro de 2015 como a data a partir da que se inicia o prazo de cesión de uso ao Estado, que será de trinta anos.

 

Neste sentido, o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, lembrou que xa está en marcha a licitación do proxecto museográfico por un importe de 1,5 millóns de euros por parte do Ministerio de Educación e Cultura. Avanzou que a apertura das plicas está prevista para o mes de outubro e os traballos poderán comezar antes de que remate o ano.

 

Aprobación das contas xerais do Consorcio relativas a 2013

 

O Consello de Administración aprobou as contas xerais do Consorcio de Santiago correspondentes a 2013. Obtívose un resultado presupostario axustado de 1.546.568,92 euros. Respecto ao remanente de tesourería, ascende a 2.629.947,20 euros, o que permitirá ao Consorcio destinar máis recursos e incrementar as súas actuacións na cidade ao longo deste ano.