
O vindeiro domingo 8 de marzo será o derradeiro día para visitar na Casa do Cabido a exposición “As Moscoso. Mulleres con poder na Compostela baixomedieval”, organizada polo Consorcio de Santiago. A mostra rescata e pon en valor o papel das mulleres da liñaxe Moscoso na Galicia baixomedieval e pode visitarse con acceso de balde en horario de martes a sábado de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 20:00 h, e os domingos de 11:00 h a 14:00 h.
A exposición, comisariada polo historiador Miguel García-Fernández e con ilustracións orixinais de Héitor Picallo, ofrece un percorrido polo legado das Moscoso a través de paneis divulgativos, bibliografía especializada e reproducións de documentación medieval procedente de diversos arquivos galegos e estatais, entre eles o Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, o Arquivo Histórico Universitario de Santiago, o Arquivo Xeral de Simancas e o Arquivo Histórico da Nobreza.
Mulleres con protagonismo histórico
A proposta permite achegarse á vida das mulleres da liñaxe Moscoso e ao seu protagonismo social, económico, político e cultural na Compostela baixomedieval, así como á súa pegada no patrimonio compostelán e galego. A mostra visibiliza figuras como Dona Teresa Sánchez de Moscoso, Dona Aldonza de Acevedo ou Dona Xoana de Castro, e pon de relevo o papel público que desempeñaron nun período clave da historia da cidade.
A exposición constitúe unha oportunidade única para coñecer unha parte esencial da historia medieval de Santiago e recuperar a memoria de referentes femininos cun papel destacado na sociedade do seu tempo.
Comisario
O comisario da mostra, Miguel García-Fernández (As Guístolas, 1988), é licenciado en Historia coas especialidades de historia medieval e historia moderna. Actualmente é Titulado Superior de Actividades Técnicas e Profesionais no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC.
As súas investigacións céntranse na historia social das mulleres durante a Idade Media, tendo en curso unha tese sobre a posición das mulleres na sociedade medieval galega entre 1100 e 1550. Ten participado en diferentes congresos nacionais e internacionais e publicou diversos traballos en revistas e obras colectivas, especialmente sobre a historia medieval de Galicia, a historia das mulleres e a documentación medieval galega. Foi coordinador no 2023 da obra "Desde San Paio de Antealtares. Historia, patrimonio e vida monástica", coeditada polo Consorcio de Santiago xunto a Alvarellos Editora, na cal reconstrúese a historia do mosteiro desde a súa etapa medieval como comunidade masculina até a súa refundación como mosteiro bieito feminino en 1499, máis tamén se ofrecen outras achegas sobre o seu patrimonio artístico, a complexidade do monaquismo feminino na Galicia medieval ou a relixiosidade popular impulsada por bieitos e bernardos.