Unha exposición conmemora os 75 anos do Exército do Aire no Museo das Peregrinacións

luns, 7 Xullo, 2014

O Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías) acolle a exposición que conmemora os 75 anos do Exército do Aire. Trátase dunha mostra itinerante que está a percorrer todo o país. En Santiago permanecerá ata o día 16 deste mes.


O Exército do Aire cumpre este ano tres cuartos de século de existencia. É o máis xove dos exércitos de España e durante deste tempo traballou xunto ao Exército de Terra e a Armada, cos que forma o conxunto das Forzas Armadas. Esta mostra, organizada polo Servizo Histórico e Cultural do Exército do Aire, pretende difundir a historia e a evolución do labor diario desta forza aérea e ofrecer unha visión dos cambios que experimentou ao longo destes 75 anos.

 

O comisario da exposición é o coronel Juan Ayuso, director do Museo de Aeronáutica e Astronáutica, máis coñecido como Museo do Aire, situado en Madrid. Tal como explican os organizadores, o Exército do Aire é na actualidade unha forza aérea moderna, con experiencia en combate e misións humanitarias, capaz de integrarse con rapidez e eficacia en calquera operación aérea de carácter multinacional. Os importantes programas operativos de modernización en curso permitiranlle operar con garantía de éxito nos complexos e esixentes escenarios de futuro -segundo informan-.

 

A exposición componse dunha serie de paneis a gran tamaño con fotografías e texto que destacan os principais feitos históricos do Exército do Aire. Reúne ademais maquetas, uniformes, carteis e obxectos diversos pertencentes aos fondos do Museo de Aeronáutica e Astronáutica que percorren esta evolución. Aínda que se trata dunha exposición itinerante, adaptouse para esta ocasión, destacando fotografías aéreas de Santiago de Compostela e unha serie de personaxes relacionados coa cidade.

 

Un ciclo de conferencias

 

No marco desta experiencia, celebrarase un ciclo de conferencias nas que se abordarán temas históricos do Exército do Aire, con especial incidencia no fondo documental que se conserva no seu Arquivo Histórico referente á cidade de Santiago de Compostela. A primeira destas conferencias terá lugar o vindeiro mércores día 9, ás 19:00 horas, no propio Museo das Peregrinacións. Impartiraa o xeneral xefe do Servizo Histórico e Cultural do Exército do Aire, José Javier Muñoz Castresana.

 

A seguinte conferencia será o día da clausura da exposición, o mércores 16 de xullo, ás 12.00 horas, tamén no Museo das Peregrinacións. Nesta ocasión ofreceraa o militar Rafael Permuy López, quen tratará os 75 anos desta forza aérea en Galicia, a través dos seus protagonistas máis salientables.

 

A mostra poderá visitarse de martes a sábado, polas mañás de 10.00 a 14.00 horas e polas tardes de 17.00 a 21.00 horas. Os domingos o Museo das Peregrinacións abre de 11.00 a 14.00 horas e os luns permanece pechado.