
Santiago de Compostela acolle esta semana unha xuntanza de coordinación dos xerentes dos Consorcios das Cidades Patrimonio da Humanidade de Cuenca, Toledo e Santiago de Compostela, co obxectivo de poñer en común o traballo desenvolvido por estas administracións, así como as necesidades e retos compartidos na xestión dos seus respectivos conxuntos históricos.
O xerente do Consorcio da Cidade de Cuenca, Mariano Teruel; o xerente do Consorcio da Cidade de Toledo, Jesús Corroto; o xerente do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, José Antonio Domínguez; e o inspector xeral do Ministerio de Facenda, Ángel Esteban, foron recibidos pola alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, quen puxo en valor o importante labor que desenvolven estes organismos nas tres cidades.
Durante as xornadas de traballo, que se desenvolven ao longo hoxe e mañá, abordáranse cuestións estratéxicas como a coordinación administrativa entre os tres consorcios, o seguimento da actividade de cada organismo, os avances en materia de administración dixital e a xestión de programas e convocatorias de financiamento. Ademais, realizáranse visitas técnicas a distintas actuacións impulsadas polo Consorcio de Santiago no ámbito da rehabilitación e conservación do patrimonio.
Este tipo de encontros periódicos permiten reforzar a colaboración institucional entre os tres Consorcios vinculados a cidades Patrimonio Mundial, compartindo experiencias e boas prácticas na protección e posta en valor dos seus conxuntos históricos.