O Consorcio de Santiago celebra a Semana da Administración Aberta cunha visita guiada á súa sede e algunhas das súas últimas intervencións

O Pazo de Raxoi, a Igrexa de San Fructuoso, o Museo do Pobo Galego e as piscinas do Sar serán os destinos do percorrido que terá lugar o mércores 12 de xuño


O Consorcio de Santiago súmase á Semana da Administración Aberta, unha iniciativa mundial impulsada pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week), que ten como obxectivo achegar a cidadanía ás Administracións Públicas e ao seu traballo ordinario. Para iso, o Consorcio de Santiago organiza o mércores 12 de xuño ás 10:00h unha visita guiada por espazos destacados da cidade que contan con intervencións deste organismo.


As prazas para realizar a visita son limitadas, cun aforo máximo de 30 persoas. Para inscribirse é necesario mandar un correo a dirección prensa@consorciodesantiago.org, cun máximo de dúas persoas por inscrición.


A visita comezará ás 10:00h no Pazo de Vaamonde, senlleira obra de arquitectura civil no casco histórico compostelán e que dende 1992 é a sede do Consorcio de Santiago. Dende alí, membros da oficina técnica do organismo guiarán aos visitantes por un percorrido por toda a cidade, que terá unha duración total de 3 horas, aproximadamente. A primeira parada será no Pazo de Raxoi, na que os asistentes poderán coñecer as recentes obras de conservación e mellora enerxética da fachada do emblemático edificio, actual sede do Concello de Santiago de Compostela e da Presidencia da Xunta de Galicia. Posteriormente, os visitantes trasladaranse á igrexa de San Fructuoso, templo do S. XVIII no cal o Consorcio realizou actuacións de recuperación patrimonial, no ciborio, na cuberta e na fachada.


O seguinte destino será o antigo convento de San Domingos de Bonaval, actual Museo do Pobo Galego, onde os membros da oficina técnica do Consorcio explicarán en que consistiu a obra de ampliación do centro museístico, que permitiu recuperar varios espazos do conxunto monumental que estaba en desuso. Os visitantes aprenderán de primeira man sobre unha das obras de maior calado acometida polo Consorcio nos últimos anos, dunha importancia vital para o desenvolvemento cultural da cidade.


Por último, o percorrido pecharase coa visita ao Complexo Multiúsos Fontes do Sar, onde no ano 2022 o Consorcio de Santiago construíu unha orixinal cuberta telescópica. Esta obra mellorou notablemente o uso da piscina, e permitiu aos cidadáns darlle uso á piscina durante todo o ano sen depender da meteoroloxía.