Preséntase a publicación “Picheleir@s”

venres, 26 Setembro, 2014

O Consorcio de Santiago inauguraba en xullo a exposición “Picheleir@s”, un conxunto de bandeirolas que aínda permanecen penduradas de 30 edificios do casco histórico compostelán e que recollen a maioría de oficios e profesións con relevancia na cidade dende a Idade Media a través dos seus protagonistas. Agora preséntase o libro relativo a esta mostra, que o Consorcio edita en colaboración con Edicións Positivas. Nesta publicación detállase cada un destes oficios e a vida dunha selección de persoeiros que os representan a todos eles.  

 

O libro, editado en galego e castelán, é obra da tamén comisaria da mostra, a compostelá Mercedes Pintos, licenciada en Historia da Arte; e as ilustracións son de Xulio Gayoso. “É un percorrido polas rúas e a historia de Compostela a través da vida cotiá dos veciños desta cidade que habitaron nela ao longo de diferentes séculos” -explica a autora-.

 

Con esta publicación e coa exposición que a precede búscase recuperar a esas xeracións de picheleiros que foron tecendo a rede urbana. Gualteria Pintos salienta que “non poden estar todos, por iso escollemos unha pequena mostra de mulleres e homes que cos seus humildes oficios, a maioría desaparecidos, axudaron a conforman Compostela. Trátase de comprender mellor como se foi tramando o tecido urbano, os cambios grandes ou pequenos acaecidos no noso contorno”.

 

Un percorrido polos oficios dende 1200 a 1980

 

O libro fai un percorrido por unha trintena de gremios e persoeiros representantes de oficios emblemáticos. O punto de partida desta historia é o ano 1200 e abrangue ata finais do século XX. A publicación arranca co concheiro Fernando Estévanez, que tiña unha tenda aberta na que hoxe é a rúa dos Concheiros. Nun documento de 1226 aparece como encargado de subministrar aos peregrinos cunchas naturais, de latón ou de estaño. Pola mesma época o albergueiro Pedro Miguélez hospedaba a peregrinos e visitantes e o forneiro Juan Pérez posuía un obradoiro na Porta do Camiño, onde daquela se situaban a maioría dos fornos e tafonas, por ser a a entrada dos peregrinos que chegaban polo Camiño Francés. 

 

A finais do XIX tivo lugar unha das primeiras folgas que se lembra na cidade, a do gremio dos zapateiros, que loitaban “contra o patrón e os zapatos de pacotilla dos comercios”. Buscaban defenderse do dano que lles causaba ese “calzado menos duradeiro”, advertindo aos compradores que “ás veces prexudica a saúde por estar feito cos restos recollidos en hospitais de enfermos e mortos”.

 

A historia máis recente sitúase no ano 1981, data a morte da mestra Celia Rodríguez, coñecida como A Manca por sufrir esa eiva a causa dunha mala caída. Pola súa pequena escola, situada nun portal da rúa do Medio, pasaron xeracións de rapaces, pequenos e grandes mesturados. Muller profundamente caritativa, coidaba tamén dos máis cativos mentres as nais ían traballar, acubillándoos en grandes cestos envoltos en cobertores.

 

Os picheleiros

 

O oficio de picheleiro está representado polo Mestre Pedro no ano 1500. Os primeiros documentos onde se recolle o oficio datan do século XV. Os picheleiros non só facían xerras (marcadas cunha vieira ou a cruz de Santiago para distinguirse), senón todo tipo de utensilios domésticos como pratos ou fontes; e tamén relixiosos como cruces, custodias ou viñateiras. Andaban por todo o país vendendo a mercadoría. Se ben os de Santiago levaban a sona, non todos eran oriúndos da cidade, pois había numerosos forasteiros como Mestre Pedro, con taller na rúa do Preguntoiro, onde traballaban tres oficiais. Foi nomeado polo Concello fiel marcador de estaño, coa obriga de denunciar o metal falso, cargo que desempeñou ata a súa morte, en 1563.

 

A publicación recolle oficios tan singulares como os coidadores de canos, que se encargaban de reparar e manter en bo estado os canos que conducían a auga. Tamén están representados os carniceiros, bordadoras, doantes, cambeadores de moedas, pregoeiros, cereiros, hostieiros, coengos, notarios, doutores, fogueteiros, vendedores de liño, xornalistas, pedreiros, acibecheiros, prateiros, entalladores, gravadores, arquiveiros, gaiteiros e as leiteiras.