
A sétima edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (CEGOR), organizado pola Fundación Laboral de la Construcción de Galicia en colaboración e con financiamento do Consorcio de Santiago, comeza o próximo 9 de maio. Aínda é posible inscribirse no curso, no que profesionais de diferentes perfís, pero co denominador común do interese na construción e rehabilitación, participarán nesta acción formativa na que xa participaron máis de 100 técnicos galegos dende 2019.
O curso, que se impartirá os venres pola tarde e os sábados pola mañá na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba rehabilitada como Centro de Formación de Santiago (Rúa Pontepedriña de Arriba, 13 (zona Romaño) da entidade paritaria, representa unha especialización única en España nun dos campos da construción máis en auxe hoxe en día e máis necesitados de persoal co coñecemento especializado.
O cambio na cultura da construción que se está producindo no século XXI en todo o mundo, mesmo na forma de entender a intervención sobre o construído, e a chegada dos fondos de Recuperación Next Generation EU ao sector en España, supuxo un impulso á reforma de vivendas e rehabilitación en xeral, co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética e de reducir o seu consumo e emisións que representan o 40% do consumo de enerxía final da Unión Europea, segundo a Directiva 2012/27/UE. Dende a Fundación Laboral de la Construcción de Galicia e o Consorcio de Santiago, destácase a importancia desta formación para impulsar non só as estratexias de renovación urbana e rehabilitación, senón porque a rehabilitación é un motor económico á vez que axuda a lograr un parque de vivendas máis sostible e habitable, algo fundamental para conseguir unha sociedade cuns estándares de calidade de vida mellores e para reducir o impacto medioambiental.
Formación con máis de 40 expertos/as da industria
De aí a necesidade de que os profesionais do sector, con e sen experiencia, pero con inquietude pola rehabilitación e renovación urbana,adquiran os coñecementos que o CEGOR facilita ao seu alumnado con ata 40 expertos/as recoñecidos/as da rehabilitación a través de clases teóricas e talleres prácticos sobre as distintas técnicas e oficios da rehabilitación como estucado, cantería, forxa ou madeira, así como visitas a empresas para coñecer distintos materiais construtivos.
Baixo a coordinación do arquitecto Ángel Panero, o CEGOR achega unha visión integral da xestión dunha obra de rehabilitación, comezando pola súa xestión administrativa e legal ante diferentes administracións, pasando pola súa xestión económica, por as súas instalacións e eficiencia enerxética, e polo coñecemento na práctica de materiais e técnicas nos obradoiros que se inclúen no CEGOR.
Como en anteriores edicións, para facilitar a asistencia das persoas participantes ás que lles sexa imposible trasladarse ao Centro de Formación de Santiago, a parte presencial da acción formativa está aberta a realizarse tamén a través da “Aula virtual” da Fundación Laboral.
Para maior información e inscricións visitar: https://microsites.fundacionlaboral.org/cegor-gal