Rehabilitación de monumentos 2014

Igrexa de Santa Mariña de Berdía

Proxecto: restauración do retablo maior

Intervención: levouse a cabo a desinsectación, consolidación das pezas, o sentado da cor, a limpeza e o tratamento de lagoas para obter unha imaxe unitaria do retablo.


Capela de San Roque de Sabugueira (Lavacolla)

Proxecto: restauración do retablo maior

Intervención: aplicáronse todos os tratamentos necesarios para recuperar a solidez estrutural do retablo

e o seu saneamento, garantindo a súa conservación futura. Ademais, restaurouse a policromía do conxunto,

mantendo a súa coherencia estilística.


Igrexa do convento de Santa Clara

Proxecto: restauración da tarima da igrexa e posta en valor das monteas achadas baixo a mesma

Intervención: restaurouse a tarima de madeira do chan da igrexa e, ao levantala, descubriuse un conxunto de monteas ou trazas de canteiro, de gran valor patrimonial e histórico. Unha vez restaurada a tarima, debuxáronse sobre ela as monteas e sobre as partes máis relevantes colocouse a tarima en caixóns practicables para que os especialistas que desexen estudalas poidan acceder a elas.

 

 

Convento de Santa Clara

Proxecto: restauración das reixas da fachada principal (fase II)

Intervención: reparación dos enrejados das ventás da fachada principal do convento. Actuouse nas reixas de nove ventás, situadas en cinco tramos da fachada que dá á rúa de Santa Clara, así como nos seus encercados.

 

 

Teatro Principal

Proxecto: mellora da accesibilidade e tarefas de renovación e acondicionamento 

Intervención: de cara a mellorar a accesibilidade, creouse un aseo adaptado, fixéronse unhas pequenas ramplas e colocáronse varias varandas. Ademais, substituíronse as portas de saída de emerxencia á terraza dende o corpo de vestiarios, renovouse a maior parte das lámpadas de iluminación xeral e actualizouse a maquinaria de climatización e parte do sistema antiincendios do teatro.

 

 

Pazo de Raxoi

Proxecto: renovación de carpintarías e limpeza da fachada sur 

Intervención: co propósito de mellorar a eficiencia enerxética do edificio e garantir o confort térmico nas estancias municipais, renováronse todas as follas interiores e exteriores das ventás. Na fachada repuxéronse as xuntas da fábrica de sillería deterioradas, fixáronse os elementos que puidesen dar lugar a desprendementos á rúa e completáronse as faltas de material nos ocos de pedra.


Colexiata de Sar

Proxecto: retellado parcial do claustro 

Intervención: realizouse o retellado parcial da cuberta do claustro para resolver os problemas de humidades e filtracións que lle afectaban, en particular nos seus corpos norte, sur e oeste. Ademais, colocáronse canalóns e baixantes de cobre, á vez que se pintaron estas fachadas, previa reparación da revocadura existente.

 

 

Igrexa de San Miguel dos Argos

Proxecto: recuperación da cuberta e fachadas da igrexa 

Intervención: substituíuse toda a tella da cuberta. Picáronse os enfoscados das fachadas, realizando unha nova revocadura, e finalmente aplicouse unha pintura de silicato. Ademais, nos muros do templo había moita humidade, polo que se limparon os canalóns e puxéronse algúns novos. E, por último, colocouse unha lámina de chumbo e babeiros de zinc para resolver os problemas de humidades na baixo cuberta e no interior do inmoble.

 

 

Igrexa de Santa Mariña de Berdía

Proxecto: intervención nas revocaduras exteriores e interiores e na cuberta do templo

Intervención: a igrexa presentaba problemas de humidade que afectaban á nave maior, polo que se substituíu a tella deficitaria na cuberta e reparáronse as revocaduras exteriores e interiores, así como o sistema de drenaxe perimetral.

 

 

Igresia de Santa María de Figueiras

Proxecto: intervención na cuberta e nas revocaduras interiores e exteriores

Intervención: co fin de resolver o problema de entrada da auga da choiva a través do campanario e que afectaba, principalmente, á fachada principal, reparáronse os paramentos da igrexa. Substituíuse a tella en mal estado. Colocouse unha protección especial entre a cuberta e o campanario para recoller as augas pluviais e realizouse unha limpeza de canalóns e de baixantes. Ademais, pintouse o exterior do inmoble.