150.000 € en axudas para obras na envolvente exterior dos edificios da cidade histórica

martes, 15 Agosto, 2017

Como vén sendo tradición cada 24 de xullo, coincidindo coa noite dos fogos do Apóstolo e o concerto institucional previo protagonizado pola Real Filharmonía de Galicia, o Consorcio de Santiago vai celebrar esta tarde a súa Comisión Executiva e Consello de Administración. Ambas xuntanzas estarán presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. No Consello de Administración participarán os seus vicepresidentes, Felipe Martínez Rico, subsecretario de Facenda e Función Pública; e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; ademais de Rosana Navarro Heras, subsecretaria do Ministerio de Fomento. Previamente ás reunións, os membros do Consello de Administración que aínda non puideron desfrutar das dúas exposicións conmemorativas do 25 aniversario do Consorcio de Santiago, visitaranas esta tarde.

 

O Consello nomeará ao secretario do Concello de Santiago, José Ramón Alonso Fernández, como novo secretario do Consorcio. Entre outros asuntos, o Consello de Administración aprobará as contas anuais do organismo relativas a 2016, trala aprobación do correspondente informe de auditoría. E tratarase o acordo de autorización de uso do edificio da Escola de Altos Estudos Musicais para albergar a Escola Municipal de Música.

 

Axudas para a mellora de fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada e reixerías

 

Entre os temas que se abordarán na Comisión destaca a orde de axudas do programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios da cidade histórica de Santiago, por un importe global de 150.000 euros. Abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. No suposto de que sexa imprescindible a substitución da cubrición para mellorar o comportamento térmico do edificio, subvencionarase tamén o custo desta substitución.

 

Con carácter especial, e co obxecto de fomentar a mellora das instalacións de pluviais da cidade histórica, subvencionarase o custo de substitución dos canlóns e baixantes de pluviais deteriorados, así como os gardacanos e a conexión da instalación á rede xeral. As axudas inclúen os custos adicionais e indispensables para a realización das obras como a colocación de andamios, así como os honorarios profesionais de redacción da documentación técnica e dirección da obra.

 

Beneficiarios das axudas

 

Poderán beneficiarse destas axudas tanto as persoas físicas ou xurídicas, como unha agrupación de personas físicas ou xurídicas; propietarias, inquilinas ou aquelas que teñan algún dereito de uso sobre os inmobles. Tamén poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios.

 

Pola súa parte, os inmobles deberán presentar condicións suficientes de seguridade estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Deberán ter unha antigüidade superior aos dez anos; e estar destinados a vivenda, como mínimo, os 2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto.

 

O Consorcio anima a que os interesados vaian preparando os acordos de comunidade e salienta que os prazos de concesión poden acurtarse se os solicitantes aportan o proxecto técnico xa redactado

 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte da publicación das bases e da convocatoria no Boletín Oficial do Estado. Poderán presentarse no rexistro do Consorcio de Santiago ou en calquera outro rexistro.

 

Dende o organismo salientan que as comunidades de propietarios poden aproveitar este espazo de tempo ata que a convocatoria se faga pública para ir preparando os acordos de comunidade. E, ademais, que os prazos de concesión poden acurtarse se os solicitantes aportan o proxecto técnico xa redactado.

 

Na avaliación das solicitudes valorarase que se dispoña dun Plan de Mantemento para o edificio. E primarase a incorporación de novos solicitantes. Tamén se terá en conta o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do inmoble, xunto ao nivel de ocupación do mesmo. A cuantía da subvención será do 40% do presuposto máximo subvencionable. Para resolver calquera dúbida desta convocatoria, os interesados deberán poñerse en contacto ou acudir á Oficina Técnica do Consorcio de Santiago.

 

As fotos de Estalote reflicten a vida da Compostela do século XX

 

No transcurso da xuntanza darase conta do convenio para a cesión do fondo fotográfico de Ramón Sánchez Estalote (1908-2002), por parte dos seus herdeiros, a favor do Consorcio. O autor retratou a cidade de Santiago durante cinco décadas do século XX. O fondo reúne unhas 500 fotografías, entre orixinais e copias, ademais duns 800 negativos. As instantáneas reflicten unha temática moi variada, dende o costumismo, pasando polas de carácter relixioso, paisaxístico, urbanas, festivas, o mar…

 

O Consorcio asinará o convenio cos herdeiros de Estalote e o fondo pasará a formar parte do seu Arquivo Gráfico, co fin de garantir a súa conservación e divulgación entre os investigadores e a sociedade en xeral. O organismo manterá así todo o material cedido polos familiares do fotógrafo compostelán nas condicións de seguridade e conservación que garantan a preservación do mesmo. E velará para que en todos os usos públicos deste fondo por parte de terceiros se respecten os dereitos morais do autor.

 

Os herdeiros de Estalote decidiron legar todo o fondo a unha mesma entidade para non dividilo e non devaluar o seu valor cultural. A cesión acordouse por un período inicial de catro anos.