Adxudícase a obra de eliminación de humidades na escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

mércores, 15 Xuño, 2016

O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar a obra de eliminación de humidades que afectan á escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego. A empresa beneficiaria deste contrato é Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L. O orzamento global desta intervención ascenderá aos 44.165 euros.

 

A actuación centrarase na torre situada no ángulo noroeste do Convento de San Domingos de Bonaval, que alberga no seu interior a extraordinaria escaleira barroca helicoidal de tres corpos deseñada por Domingo de Andrade. “Prodúcense filtracións da auga da chuvia ao interior, procedentes do encontro dos seus muros coa cuberta. Así, vanse recebar os muros que conforman o buque da escaleira tanto polo interior como pola parte externa”   -explica a arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga, coordinadora deste proxecto-.

 

Actuacións no interior

 

No interior da torre, o cilindro está revocado cun revestimento de cal en toda a súa superficie, en bo estado na parte inferior pero con aparición de humidades a medida que ascendemos. A dispersión da humidade no interior parece ser debida a filtracións de auga a través dos paramentos verticais, que, na parte baixa, ao perderen as revocaduras, perderon tamén a súa protección fronte á auga da chuvia. Estas humidades provocan o desprendemento da revocadura interior e a degradación da fábrica.

 

Así, eliminaranse as revocaduras interiores nas zonas nas que sexa necesario, especialmente na parte alta do buque da escaleira. E realizarase un pintado final con pintura mineral que permita o paso do vapor de auga.

 

A protección das monteas

 

Por outro lado, “no pavimento, no arranque da escaleira atópanse as monteas (debuxos ou trazas que servían como guía á hora de tallar cada pedra), únicas en Galicia, que realizaron os canteiros para levantala. Debido ao tránsito de visitantes, que pisan sobre as lousas que as conteñen, e a limpeza cotiá con produtos agresivos como a lixivia, están a sufrir un forte desgaste, de xeito que as monteas que aínda se conservan acabarán por desaparecer, no caso de que non se tomen medidas de protección” -salienta Camiruaga-.

 

Os arquitectos do Consorcio propoñen a colocación dun pavimento flotante sobre o que transitar para evitar o paso directo sobre as monteas e frear a súa acelerada deterioración, quedando estas ao descuberto para permitir o seu estudo por parte dos investigadores e a súa contemplación por parte dos visitantes.

 

Actuacións no exterior

 

Dende a Oficina Técnica do Consorcio indican que, polo exterior, aínda que o estado da pedra é bo, existe colonización de plantas en toda a superficie, polo que se limparán as fachadas, ás que logo se lles aplicará unha revocadura de cal e se pintarán finalmente cunha pintura mineral. Tamén se eliminará a vexetación da cuberta e substituiranse as tellas en mal estado.

 

As carpinterías e a reixa do balcón precisan traballos de reparación e repintado. Ademais, o sistema de peche da porta de acceso ao balcón, na fachada oeste, provocou a rotura do lintel, que se reparará.