Destinaranse 3.659.704,44 € á rehabilitación e restauración de inmobles de valor patrimonial

xoves, 25 Abril, 2019

O Consorcio de Santiago celebrou esta tarde o seu Consello de Administración, presidido polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Estiveron representadas as tres Administracións consorciadas, a través dos dous vicepresidentes do Consorcio, Pilar Paneque, subsecretaria de Facenda, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia; e por parte do Concello de Santiago, ademais do alcalde, participaron os concelleiros Agustín Hernández, Francisco Reyes e Goretti Sanmartín.

 

No transcurso da xuntanza aprobáronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións directas de intervencións de rehabilitación e restauración de inmobles de valor histórico e patrimonial no temo municipal de Santiago para este ano, por un importe global de 3.659.704,44 euros. Destaca a adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso museístico, por valor de 3.098.781,31 €. Ademais, instalarase un ascensor no edificio situado na praza de Salvador Parga, sede do Conservatorio Histórico, do Ateneo de Santiago e da Real Sociedade Económica de Amigos do País, por un importe de 97.208,83 €.

 

Por outro lado, realizaranse obras de mantemento nas cubertas de San Martiño Pinario. Intervirase na cuberta e nas fachadas das igrexas de Agualada de Marantes, San Fructuoso, San Caetano e Santas Mariñas. E acondicionarase o cemiterio da Orde Terceira Franciscana para a súa apertura á cidadanía.

 

A ampliación do Museo do Pobo Galego

 

O Consello de Administración do Consorcio aprobou tamén as bases reguladoras da concesión dunha subvención á Asociación Padroado Museo do Pobo Galego para a redacción do proxecto museográfico que acollerá a ala sur do convento de San Domingos de Bonaval, cuxa ampliación realizará o Consorcio de Santiago. O novo espazo de exposicións estará operativo para o vindeiro Xacobeo 2021. A contía desta axuda ascende aos 45.000 €.

 

Continúa a colaboración co Programa ConCiencia da Universidade de Santiago

 

No xuntanza deuse luz verde á concesión dunha subvención á Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento do Programa ConCiencia de divulgación científica, iniciativa coa que o Consorcio leva colaborando máis dunha década. O importe desta subvención alcanza os 25.000 €.

 

Avánzase no proxecto expositivo para o Xacobeo 2021: “Imaxinando Compostela”

 

Ademais, mañá venres reunirase o outro órgano de goberno do Consorcio de Santiago, a Comisión Executiva. No marco desta xuntanza, avanzarase no proxecto expositivo para o período 2019-2021 que o organismo interadministrativo está a deseñar con motivo do vindeiro Ano Santo. Baixo o título “Imaxinando Compostela”, esta proposta cultural desenvolverase tanto en espazos interiores como exteriores emblemáticos da cidade, respondendo á función social da arte.

 

O nexo de unión deste proxecto é a relevancia do patrimonio. Contémplase a confluencia de artistas de distintas xeracións e variados xeitos de actuación, así como de múltiples e mesturados espazos de intervención; co fenómeno xacobeo como argumento de fondo en cada unha das formulacións artísticas.

 

Prevese que o legado do pintor Carlos Maside abra ao público en maio

 

Na Comisión Executiva trataranse ademais cuestións de trámite administrativo, ao tempo que se dará conta de diferentes convenios con entidades diversas. Destaca en particular o convenio co Concello de Santiago para a cesión, en réxime de comodato, das obras do legado do pintor Carlos Maside. Trátase de 21 pinturas que o Consorcio adquiriu coa axuda da Deputación da Coruña, mentres que o Concello de Santiago encárgase de sufragar todos os custos derivados da súa conservación, seguridade e exposición pública. Nesta liña, prevese que a exposición se abra ao público o vindeiro mes de maio no espazo coñecido como Comedor do Colexio de Fonseca, da Universidade de Santiago.

 

Por outro lado, na xuntanza de mañá abordarase a licitación das obras de ampliación do Museo do Pobo Galego. No eido musical, aprobarase a temporada 2019-2020 da Real Filharmonía de Galicia e tamén a súa temporada de verán, xunto á programación da Escola de Altos Estudos Musicais para o vindeiro curso 2019-2020.