“Dobre Quadratura” na Casa do Cabido, con instalacións de Lois Patiño e Jorge Perianes

mércores, 13 Xaneiro, 2021

A Casa do Cabido acolle a exposición ”Dobre Quadratura”, con instalacións dos artistas Lois Patiño e Jorge Perianes. Tal como indica a comisaria, Mercedes Rozas, “trátase dunha mostra que enxalza o espírito barroco da Casa do Cabido, auspiciando a idea do misterio que se oculta tras o pano pétreo da súa fachada. E, como na vella técnica pictórica da Quadratura, na que o engano artístico (trompe-l'œil) propiciaba que as figuras flotasen elevándose nun imaxinario ascenso cara ao firmamento, os dous artistas, Lois Patiño e Jorge Perianes, interveñen o espazo das salas, creando o seu singular acto escénico”.

 

Dúas videoinstalacións, da Costa da Morte a Tokio

 

“En Unha habitación para a noite Lois Patiño xoga co lirismo, o silencio da noite e a intimidade custodiada polas sombras. Unha das videoinstalacións lévanos a unha paisaxe mariña nocturna observada desde grande altura. Aquí o único visible é a escuma e os brillos ingrávidos das ondas. Estamos ante un mar evocador como é o da Costa da Morte. Ondas que arrastran consigo séculos de memoria. Recordos do mar que estalan sobre as rochas” -explica a comisaria-.

 

“A outra videoinstalación nace dunha estancia que o artista levou a cabo na cidade de Tokio en 2019. A distancia e a noite transforman aquí a axitación desta megalópole insomne nunha experiencia contemplativa. Todo elemento material da cidade é absorbido pola escuridade. Todo ruído visual, calmado. Luces de rañaceos ou trens luminosos voan como vagalumes ou como estrelas fugaces: pegadas de luz bailan na noite” -apunta Rozas-.

 

O reflexo do espello

 

“Pola súa parte, Jorge Perianes rastrexa no reflexo do espello o periplo eterno do ser humano, cos seus achados e perdas, as súas preguntas e respostas. Presenta este proxecto expositivo en conexión clara coa liña argumental que vén definindo a súa obra desde hai xa uns anos: a circunvalación do ser. E que mellor elemento para indagar e cuestionar ao ser humano que o rei das vanitas: o espello” -sinala a comisaria-. 

 

“Buscando o contacto no reflexo, nunha volta de torca barroca, o autor toma a decisión, conceptual e estética, de que as salas funcionen como un espello en canto á estrutura que presentan, colocando sobre un falso chan distintas pezas, cadros e plantas. O espectador deberá transitar polo espazo para velas, e moverase ata onde a estrutura llo permita. As creacións terán así unha proximidade aparente, estarán case ao alcance da man, nun xogo que remite á esencia de gran parte da súa produción” -explica Mercedes Rozas-.

 

Os artistas

 

Lois Patiño (Vigo, 1983). Vive e traballa en Madrid. Pertence a unha nova xeración de cineastas, do chamado “Novo cinema galego”. Compaxinou os seus estudos de psicoloxía na Universidade Complutense de Madrid cos de cinema na escola Tai. Continuou a súa formación na NYFA de Nova York e en Barcelona, onde cursou o Máster de Documental de Creación na Universidade Pompeu Fabra. Realizou cursos de videocreación na Universität der Künst de Berlín e talleres con artistas e cineastas como Joan Jonas, Pedro Costa, Víctor Erice, José Luis Guerín ou Daniel Canogar.

 

A súa última película, Lúa Vermella, estreouse na pasada Berlinale e foi premiada coa Biznaga de Prata á Mellor Película Española de Zonazine no Festival de Málaga. O filme inspírase na historia real do Rubio de Camelle, un mergullador rescatador de cadáveres de náufragos perdidos baixo o mar da Costa da Morte.

 

Jorge Perianes (Ourense, 1974). Vive e traballa en Vigo. Pertence ás últimas xeracións de artistas procedentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, realizando os seus estudos de doutoramento no departamento de Pintura da mesma facultade durante o bienio 2000-2002: “Contemplarse para comprenderse: identidades múltiples na creación artística ao redor da mirada”.

 

En 2007 obtivo a bolsa de Creación Artística no Estranxeiro VIII Mostra Unión Fenosa, combinando estancias de traballo en Londres e Berlín. Realizou exposicións individuais en galerías como Fúcares e Adhoc de Madrid e Fernando Santos de Porto. En Matadero de Madrid levou a cabo en 2011 a instalación Categorías. ObraXReformas, unha mostra na liña que presenta agora na Casa do Cabido. A súa obra atópase, entre outras, en coleccións como a Colección Caixanova (Vigo), MACUF, Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa (A Coruña) e Museo Würtz de La Rioja.

 

Horarios da exposición

 

A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.