Presentación da novela "A terra do adeus", do escritor e xornalista estadounidense Jose Yglesias

martes, 16 Xaneiro, 2024

O Consorcio de Santiago presentou este martes 16 de xaneiro a novela do escritor e xornalista estadounidense Jose Yglesias "A terra do adeus", obra editada en colaboración coa editorial Positivas no 2020.

 

O acto tivo lugar no Museo do Pobo Galego ás 19:00 e contou coa presencia de Pepe Sendón, autor da tradución e Francisco Macías, director da editorial Positivas. Tamén asistirán a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, e o presidente do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar.  

Jose Yglesias foi un xornalista e escritor estadounidense con raíces galegas, xa que seu pai foi un dos numerosos emigrantes que buscaron fortuna en Estados Unidos no século XX. Naceu e creceu en Tampa, cidade cunha potente industria tabaqueira na que a súa familia traballou. A súa infancia e adolescencia influíron na súa escritura, paixón que descobre desde moi novo.

 

Nesta novela o autor conta un relato da emigración galega a través da historia do seu pai, quen volveu á súa aldea ao norte de Santiago para recuperarse dunha grave doenza. Esta historia descóbrea o autor en primeira persoa na visita que fai en 1965 á aldea do seu pai. Crea así unha conmovedora historia na que, a través da ficción, indaga en primeira persoa qué aconteceu coa morte do seu pai e explora as súas raíces.

 

"A terra do adeus" sae á luz por entregas na revista The New Yorker e posteriormente publícase como libro en 1967 pola editora Pantheon.

 

Sobre o autor


Jose Yglesias (1919 - 1995) é fillo dun emigrante galego que buscou fortuna na cidade estadounidense de Tampa, industria tabaqueira, a comezos do século XX. Naceu e criouse en Ybor City, un barrio de Tampa, de maioría hispana.

 

Na adolescencia descobre a súa paixón pola escritura, mais non é ata despois da II Guerra Mundial cando comeza a súa labor xornalística e coma escritor, ingresando cunha bolsa para ex-combatentes un ano no Black Mountain College, un experimento educativo en North Carolina. Traballa coma crítico de cinema para o Daily Worker en Nova Iork, mais tamén tivo que comezar a traballar nunha farmacéutica para manter á familia.

 

Non foi ata o ano 1963, tras a publicación da súa primeira novela "A wake in Ybor City" cando despegou a súa carreira como escritor e xornalista, puidendo adicarse exclusivamente a ela. Escribiu novelas, contos e non-ficción, ademáis dun extenso traballo xornalístico en crónicas e reportaxes que o levaron a visitar países coma Cuba, Brasil, Perú ou Chile.