Publícase unha edición facsimilar de “La lámpara maravillosa” de Valle-Inclán

mércores, 6 Xuño, 2018

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de publicar La lámpara maravillosa. Ejercicios espirituales, unha edición facsimilar do fermoso e insólito libro de Valle-Inclán publicado orixinalmente en 1916.

 

“Un século despois, regresamos a aquela edición príncipe, e quixemos reproducila fielmente, co fin de achegar o máis posible a experiencia lectora de hoxe ao espírito orixinal desta Lámpara maravillosa, que nos iluminará no camiño da comprensión da beleza” -sinala o editor Henrique Alvarellos-. Esta edición enriquécese cun estudo da profesora Olivia Rodríguez-Tudela, fotografías de época do autor e un prólogo do profesor Joaquín del Valle-Inclán Alsina, neto do escritor.

 

Definido polo propio Valle-Inclán como “un libro místico”, preséntase como unha autobiografía do autor, quen, fascinado polo mundo do ocultismo, desexa transitar por novos sendeiros creativos e non dubida en experimentar, por exemplo, co cánnabis. Séntese peregrino e sitúa en Santiago de Compostela a súa “rosa mística de pedra”, ese lugar onde o tempo se fai eternidade.

 

O prólogo do seu neto

 

Tal como indica Joaquín del Valle-Inclán Alsina no prólogo, “este volume é unha rareza en continente e contido. Ademais da ornamentación e dos diferentes estilos de párrafo, o autor concibe o libro na súa totalidade como un obxecto artístico, onde forma e fondo se ensamblan á perfección. Composto durante unha etapa de fervor relixioso, presenta a súa teoría estética a través de experiencias persoais, da gnóstica e a mística”.

 

“O uso do haxix, mencionado na obra, é un método de introspección, de iluminación, que o autor, como outros membros da corrente modernista, empregou durante bastantes anos. Preciso recalcar que non é a droga en si, senón o obxecto do seu consumo, o que representa unha transgresión: non se pretende curar ou aplicar como analxésico -como recomendaba a farmacopea da época- senón abrir un camiño diferente para a creación, para achegarse ao verdadeiro coñecemento” -explica o seu neto-.

 

Neste libro o autor explica as súas normas estéticas. “As normas para escapar da ilusión do tempo que pasa, os sendeiros e prácticas que levan á comprensión da beleza, conforman este raro libro de difícil, por non dicir inimaxinable, clasificación” -destaca Joaquín del Valle-Inclán-. Ademais, o escritor consideraba esta obra, ilustrada por José Moya del Pino, como o seu primeiro libro, pois abriu con ela a súa Opera Omnia en 1916.

 

Valle-Inclán defendía a capacidade de ilusión máxica do ser humano

 

O estudo introdutorio deste volume é da profesora Olivia Rodríguez-Tudela. Explica que Valle-Inclán da a luz en 1916 La lámpara maravillosa como primeiro volume da súa Opera Omnia, aínda que dende o ano 1912 xa vén publicando artigos con avances da doutrina que expón definitivamente neste manifesto. Tamén se enxerga  a súa teoría en creacións literarias e conferencias. E seguirá a desenvolver e aplicar estas ideas en disertacións e obras posteriores.

 

“A médula estética de Valle-Inclán está aquí. O autor atópase en 1916 nun punto crucial da súa carreira de escritor decadente e modernista. Coa madurez do seu medio século cumprido, cre chegado o momento de ofrecer non só un compendio de estética, senón a executoria da súa consagración artística por riba da vulgaridade da época. A morte en Cambados do seu fillo Joaquín en 1914, con tan só catro meses, e outras penurias e decepcións, van influír na elaboración do libro” -apunta a profesora-.

 

Valle-Inclán tense a si mesmo como membro da elite espiritual artística. A finais do século XIX, nos seus anos universitarios en Compostela, colabora en experimentos de clarividencia provocada ou visións a distancia, ao tempo que entra en contacto coa masonería, co teosofismo… e preséntase como un experto ocultista nas súas conferencias. Defendía crer no marabilloso, na capacidade de ilusión máxica do ser humano.