Programa de Mantemento ter é manter

 

 

O Consorcio de Santiago convoca regularmente axudas destinadas a obras de mantemento en edificios do centro histórico. Convocatorias en 2006, 2009, 2012, 2013, 2017, 2018, 2019, 2020, 2021, 2022, 2023, 2024, 2025 e 2026.

 

Que se subvenciona?


1. Obras de mellora da eficiencia enerxética do inmoble respecto da situación previa á actuación. Sen carácter restritivo, enuméranse as seguintes:

 

  • Obras de mantemento de elementos da envolvente exterior, tales como fachadas exteriores ou patios interiores e cubertas.
 
  • Obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio relacionadas co mantemento da envolvente exterior, que inclúan actuacións de mellora das solucións construtivas da envolvente exterior compatibles co valor patrimonial dos edificios da cidade histórica (tales como illamento da cuberta, mellora de fiestras practicables de cuberta, illamento de fachadas exteriores e/ou patios interiores). No caso de que sexa imprescindible a substitución da cubrición para mellorar o comportamento térmico do edificio, subvencionarase tamén o custo desta substitución.
 
  • As obras de mellora do illamento acústico dos inmobles.

 

  • As actuacións de consolidación, reposición e mellora das estruturas tradicionais de madeira, incentivando ao mesmo tempo a introdución de novos produtos e derivados da madeira innovadores.

 

2. Obras destinadas á mellora da accesibilidade dos edificios e vivendas e ao seu correcto uso por persoas con limitacións motrices. Considéranse subvencionables as actuacións que consistan na instalación de ascensores así como a execución de obras ou instalacións relacionadas, así como a súa adecuación para o uso polas persoas referidas.

 

3. Obras de intervención sobre os elementos especiais de madeira e reixas. Sen carácter restritivo, enuméranse as seguintes:

 

  • Obras de restauración ou reposición dos elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira (tales como galerías, fiestras e portas de entrada aos edificios). Tamén se subvencionará a realización das obras complementarias de reparación ou reposición doutros elementos afectados, necesarias para a restauración ou reposición do elemento especial de madeira. Tamén obras de restauración de galerías tradicionais de fundición.
 
  • Obras de restauración de reixas, fixas ou practicables, de furas, de fundición e forxa tradicionais, afrancesadas ou simples, e de pletinas e redondos ou cadradiños de ferro existentes en portais, fiestras e balcóns, pequenos ou con brocais. Tamén se subvencionará a realización das obras complementarias necesarias para a restauración destas reixas, como a reparación das pedras soporte deterioradas en paramentos verticais, xambas, antepeitos, corpos voados e dos ancoraxes aos muros mediante emplomados.

 

  • Aqueles custos adicionais e indispensables para a realización das obras indicadas neste apartado, tales como a colocación de medios auxiliares (andamios, plataforma elevadora, etc.).

 

4. Honorarios. Serán subvencionables os seguintes gastos:

 

  • Os honorarios profesionais de redacción da documentación técnica e dirección da obra.
 
  • Os honorarios profesionais de elaboración do informe de avaliación do edificio (IAE) de uso residencial.
 
  • Os honorarios profesionais de redacción do Plan de Mantemento do edificio de uso residencial.


Beneficiarios

Persoas físicas e xurídicas (propietarios, inquilinos, comunidades de propietarios, comunidades de bens).

 

Ámbito e destino dos inmobles

Inmobles da Cidade Histórica de Santiago de Compostela PE-1.

 

  • Vivenda
 
  • Inmobles de uso comercial clase I e III.

 

CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA O PROGRAMA “TERÉMANTER 2026”, dirixido á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas e ao mantemento da envolvente exterior dos inmobles da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, publicada no BOE nº 104 do 29 de abril de 2026.

 

O prazo para solicitalas é ata o venres 29 de maio de 2026 no Rexistro do Consorcio de Santiago (Rúa do Vilar, 59. Tel. 981 57 47 00), no Rexistro Electrónico ou por calquera dos medios admitidos na Lei de Réxime Xurídico e Procedemento Administrativo Común, facendo chegar por fax ao Consorcio (981 57 47 50) ou por correo electrónico (gerencia@consorciodesantiago.org) o resgardo da solicitude o mesmo día da presentación.

 

      

Slide image: 
ter e manter
Titular destacado: 
Ter é Manter
Texto destacado: 
Programa de mantemento