19.000 persoas visitaron a exposición de fotos de Estalote

xoves, 17 Setembro, 2015

Baixo o título “Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo”, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de imaxes do fotógrafo compostelán. A mostra repártese entre a Casa do Cabido (na Praza das Praterías) e o Museo do Pobo Galego. Dende a súa inauguración, o 7 de xullo, visitaron ambas exposicións ao redor de 19.000 persoas.

 

As mostras reúnen máis de cen fotografías de Ramón Sánchez Estalote (1908-2002), coñecido na cidade como Moncho. Tanto na Casa do Cabido como no Museo do Pobo Galego pódese contemplar unha selección de imaxes ligadas á peregrinación, a Catedral, o Mercado de Abastos e distintas estampas de Compostela; así como instantáneas dos oficios da época, como as leiteiras que viñan dos pobos cercanos ou os feirantes.

 

As imaxes están contextualizadas literariamente con textos de García Márquez, Lorca ou Gerardo Diego, entre outros. En cada un destes espazos museísticos hai unha pantalla na que se recollen todas as imaxes, de xeito que nos dous museos se poden visualizar as instantáneas no seu conxunto. Son tanto reproducións feitas a partir dos negativos como fotos orixinais rescatadas do amplo fondo fotográfico que conserva a familia do autor. Na súa maioría trátase de imaxes  en branco e negro, aínda que tamén hai algunha iluminada con cor polo propio fotógrafo.

 

Coa súa cámara Leica ao ombro, Estalote, ao que non lle gustaba o estatismo da foto de estudio, deambulou durante máis de seis décadas por Compostela, e cando a cidade de nacemento lle quedaba pequena trasladábase ata Os Cantóns da Coruña ou ao barrio do Berbés en Vigo. Entrou a traballar no compostelán negocio de Fotos Gamallo, situado na rúa das Orfas, aos catorce anos e mantívose activo ata preto xa de cumprir os noventa.

 

A exposición do Museo do Pobo Galego poderá visitarse ata este domingo, 20 de setembro, ata o sábado de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas e o propio domingo de 11:00 a 14:00 horas. Pola súa parte, a mostra da Casa do Cabido estará aberta ata mediados de novembro, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas (de 16:00 a 20:00 horas a partir do 1 de novembro); e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.