Avanzan as obras de limpeza do ciborio da igrexa de San Martiño Pinario

luns, 26 Setembro, 2016

O Consorcio de Santiago está a avanzar nas obras de limpeza do ciborio da igrexa de San Martiño Pinario. A intervención, que comezou a mediados de xullo, ten un período de execución de catro meses. O orzamento global da mesma ascende aos 85.207,41 euros.

 

Tal como explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Ramón Fernández Hermida, as obras estanse a centrar na limpeza e rexuntado da terraza e dos muros do ciborio da igrexa e da cuberta do mesmo, co fin de evitar a entrada da auga da chuvia ao interior do edificio, que chega a producir goteiras sobre o altar.

 

“A auga fíltrase pola terraza do ciborio, sobre todo polos encontros desta cos muros e coa balaustrada e cornixas perimetrais e pola cuberta. A solución pasa pola limpeza da terraza, muros e cornixas mediante a eliminación de plantas e musgos; xunto co rexuntado da cantería e o retellado da cuberta do ciborio” -sinala o arquitecto-. Ademais, a entrada de auga cara aos recheos dos muros produce o debilitamento do sistema estrutural do edificio e acaba aparecendo pola cara interior da cúpula da igrexa, polo que a actuación tratará de resolver todas estas patoloxías.

 

As fachadas da cúpula están invadidas pola vexetación

 

Na cuberta do ciborio faltaban algunhas tellas e outras estaban rotas, de xeito que xa se retiraron e colocouse tella nova. Agora estanse a limpar as fachadas, onde hai zonas invadidas pola vexetación e áreas colonizadas por mofos e liques.

 

Unha vez eliminadas as plantas superiores, así como as algas, mofos e liques, estase a limpar toda a superficie de fachada cun cepillo de esparto e auga sen presión, para non danar as xuntas ou a superficie da pedra. Coa fachada limpa, procederase a limpar en profundidade as xuntas abertas que teñan sido invadidas por plantas e raíces. E tamén se limparán as gretas e fisuras co fin de eliminar todo o material de aporte tanto do vento como das aves e demais colonizadores. Por último, aplicarase un hidrofugante fluorado, pola súa permeabilidade ao vapor de auga, de xeito que consenta a eliminación da humidade do interior da fábrica.