“Dobre Quadratura”, dúas publicacións que amosan traballos dos artistas Lois Patiño e Jorge Perianes

xoves, 16 Decembro, 2021

A Casa do Cabido acolleu a principios deste ano a exposición ”Dobre Quadratura”, con instalacións dos artistas galegos Lois Patiño e Jorge Perianes, comisariada pola crítica de arte Mercedes Rozas e patrocinada polo Consorcio de Santiago. Agora saen á luz dúas publicacións homónimas, coeditadas polo Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións, nas que se recollen as obras exhibidas na mostra. Os dous libros están editados en galego, castelán e inglés.

 

“Unha habitación para a noite”: da Costa da Morte a Tokio

 

Na publicación “Dobre Quadratura. Unha habitación para a noite” reúnense as obras de Lois Patiño, que representan o mar e a noite. Son dúas propostas realizadas en distintos escenarios da Costa da Morte e da cidade de Tokio, a paisaxe natural do norte galego e o urbano nocturno da capital xaponesa. A obra de Patiño capta o efémero e fugaz como algo eterno, desde a néboa á beira do mar ata o veo que adormece sobre unha cidade alumada polas luces dun tren en marcha.

 

“A poética dunha ilusión”: entre a realidade e a ficción

 

Pola súa parte, a publicación “Dobre Quadratura. A poética dunha ilusión” recolle as obras de Jorge Perianes, que sustenta o seu traballo na delgada fronteira entre a realidade e a ficción, construíndo lecturas complexas coas que interpela directamente o espectador. É o caso da serie na que os insectos, nunha desconcertante escena, devoran cadros, flores e canto se lles poña por diante; ou os paxaros a bordo dunha gaiola que intercambian a liberdade con cadros pintados. Preguntas e máis preguntas envolven nunha aperta creativa cada unha das súas pezas.

 

Os artistas

 

Lois Patiño (Vigo, 1983). Vive e traballa en Madrid. Pertence a unha nova xeración de cineastas, do chamado “Novo cinema galego”. Compaxinou os seus estudos de psicoloxía na Universidade Complutense de Madrid cos de cinema na escola Tai. Continuou a súa formación na NYFA de Nova York e en Barcelona, onde cursou o Máster de Documental de Creación na Universidade Pompeu Fabra. Realizou cursos de videocreación na Universität der Künst de Berlín e talleres con artistas e cineastas como Joan Jonas, Pedro Costa, Víctor Erice, José Luis Guerín ou Daniel Canogar.

 

Jorge Perianes (Ourense, 1974). Vive e traballa en Vigo. Pertence ás últimas xeracións de artistas procedentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. En 2007 obtivo a bolsa de Creación Artística no Estranxeiro VIII Mostra Unión Fenosa, combinando estancias de traballo en Londres e Berlín. Expuxo en galerías como Fúcares e Adhoc de Madrid e Fernando Santos de Porto. A súa obra atópase, entre outras, en coleccións como a Colección Caixanova (Vigo), MACUF, Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa (A Coruña) e Museo Würtz de La Rioja.