Inaugúrase en Fonseca a mostra do Legado Maside

xoves, 9 Maio, 2019

Xa está aberta no Comedor do Pazo de Fonseca a exposición das 21 pezas que conforman o Legado Maside e que foron adquiridas polo Consorcio de Santiago coa colaboración da Deputación da Coruña para darlle cumprimento ao desexo do pintor de que a súa obra estivera en Compostela. O alcalde e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, participou esta mañá na apertura da mostra xunto á xerenta do Consorcio, Belén Hernández; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o reitor da USC, Antonio López; Asunción Leiceaga, en representación da Plataforma Maside; e Xulio Maside, en representación da familia do pintor.

 

As 21 pezas que conforman a colección foron adquiridas polo Consorcio de Santiago, permitindo darlle cumprimento ao desexo expresado polo propio Carlos Maside de que a súa obra estivera en Compostela. O alcalde e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, visitou hoxe o espazo acompañado polos herdeiros do artista e por representantes de todas as institucións que fixeron posible a compra e a próxima exposición do legado: o Consorcio, a Deputación da Coruña, a Consellería de Cultura, a Universidade de Santiago e a Plataforma Carlos Maside.


Na visita ao comedor de Fonseca participaron o alcalde, Martiño Noriega; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; os representantes da Plataforma Carlos Maside e os familiares do artista. Todos eles salientaron a colaboración institucional que fixo posible a compra do Legado Maside e a súa exposición no centro histórico de Santiago, moi preto da que foi a casa do artista.


O alcalde lembrou que "as diferentes administracións souberon traballar da man durante moitos meses, e iso foi a garantía do éxito desta proposta que levaba anos defendendo a Plataforma Carlos Maside". Martiño Noriega explicou que "tamén se está a traballar na procura do emprazamento definitivo para a obra, e isto pode ser o comezo dalgún proxecto máis ambicioso". No nome da Plataforma Carlos Maside, Esther Rodríguez Losada asegurou que "estamos diante dun acto de xustiza, porque un artista que estivo moitos anos silenciado poderá empezar a falar por fin a través da súa obra".


O Legado de Maside foi adquirido polo Consorcio por algo máis de 430.000 euros, dos que a metade foron achegados pola Deputación da Coruña. A compra permitirá que as pezas estean expostas permanentemente ao público, de forma provisional no Pazo de Fonseca. Ao espazo expositivo, o chamado comedor, pódese acceder a través do Xardín das Pedras que Falan.


A colección adquirida polo Consorcio consta de 21 pezas que foron escollidas polo propio Carlos Maside como o seu "testamento pictórico". Trátase, en concreto, de 13 óleos sobre lenzo, un pastel, tres gouache e catro debuxos a lapis, que permanecían nos depósitos da Fundación Granell.