O alcalde visita as obras do Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación

mércores, 1 Xuño, 2016

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Martiño Noriega, visitou esta mañá as obras do que será o primeiro Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación que existirá na Península Ibérica, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, en Santiago de Compostela. Na visita estiveron tamén o xerente da Fundación Laboral da Construción en Galicia, Fernando García Novo; e, por parte do Consorcio de Santiago, a súa xerente, Belén Hernández; a directora da Oficina Técnica, Lourdes Pérez Castro; e  o arquitecto que coordina o proxecto e dirixe as obras, Ángel Panero.

 

Na actualidade xa está moi avanzada a última fase das obras, polo que o centro podería iniciar a súa actividade a comezos de 2017. O centro está promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago (que ademais elaborou o proxecto e dirixe as obras), e conta co apoio do Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Será pioneiro en todo o territorio nacional, xa que se destinará de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores e empresas da construción. Está considerado polos especialistas como unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento de políticas activas de formación e emprego no sector da construción.

 

O centro contribuirá a dinamizar a transformación que está a vivir o sector, en particular no relativo á modernización de estruturas empresariais e cualificación de traballadores, favorecendo a creación de pequenas e medianas empresas especializadas nesta área de negocio do sector da construción, en grande expansión e potencialmente xeradora de emprego cualificado e estable. Así mesmo, debe entenderse como unha ferramenta moi poderosa para impulsar a colaboración público-privada ao servizo da recuperación da cidade histórica de Santiago, Patrimonio da Humanidade dende 1985.

 

Avánzase no acondicionamento interior das edificacións, no seu equipamento e na urbanización da zona

 

Debido a que se trata dun proxecto ambicioso, as obras dividíronse en actuacións de rehabilitación (con dúas fases diferenciadas) e as de nova construción de edificacións.

 

As naves de nova construcción, destinadas a obradoiros e xa rematadas, foron acometidas pola Fundación Laboral da Construción co apoio da Xunta de Galicia. No relativo á rehabilitación, o investimento realizouse con financiamento do Consorcio de Santiago. Na primeira fase rehabilitáronse algunhas das edificacións da antiga fábrica de curtidos, e colocouse a cuberta a todas para garantir a conservación do conxunto. Agora, co obxectivo de que o centro sexa operativo na maior brevidade, avánzase na execución da segunda fase das obras de rehabilitación das edificacións existentes; que se destinarán a aulas, oficinas, salón de actos, despachos de profesores e arquivo. A intervención estase a centrar no seu acondicionamento interior. 

 

Pola súa parte, a Fundación Laboral da Construción, de acordo co convenio suscrito co Consorcio de Santiago, ten previsto concretar de forma inminente os traballos pendentes de urbanización e equipamento do centro antes de que acaben as obras, co obxecto de que poida estar plenamente operativo en 2017. Na actualidade a Fundación está a desenvolver o programa formativo e a estrutura de funcionamento do centro.