O Consorcio amosará o traballo de musealización das monteas descubertas no convento de Santa Clara

luns, 5 Xaneiro, 2015

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago dirixiu nas últimas semanas a restauración da tarima de castiñeiro do chan da igrexa do convento de Santa Clara, se ben nos laterais da capela maior houbo que colocar madeira nova. Logo do descubrimento das monteas que corresponden á fachada principal do cenobio, a arquitecta Idoia Camiruaga fixo o seu levantamento para poder estudalas e, ademais, debuxalas sobre a madeira do pavimento, xusto enriba do seu emprazamento orixinal sobre as lousas de pedra. As monteas son debuxos ou trazas a tamaño natural de elementos arquitectónicos ou estruturais realizados preto do seu lugar de ubicación e que servían de guía á hora de construílos. 

 

No proceso de musealización habilitáronse en determinadas zonas 18 caixóns disimulados e con asas incrustadas para que se poidan sacar e deixar á vista as singulares marcas na pedra, pero este uso reservarase exclusivamente a investigadores e especialistas. O público en xeral poderá ver as monteas trazadas sobre a madeira, que xa recibiu nestas datas unha primeira capa de verniz. Camiruaga, que se mostra entusiasmada coa tarefa, explica que se usou un verniz á auga para que non borre as liñas, ao tempo que destaca o labor investigador dos historiadores Taín e Calvo, xa que están a facer un “magnífico traballo de análise e contextualización” do achado, segundo precisa a arquitecta. Tamén está previsto facer un levantamento da fachada conventual en 3D.

 

As monteas de Santa Clara, “de gran valor histórico-artístico, documental e patrimonial” segundo os técnicos, considéranse de sumo interese, pois parecen realizadas polas cuadrillas de canteiros encargados da construción do último corpo da fachada da portería do convento, así como da talla do seu complexo aparato decorativo a base de placados xeométricos e outros elementos como arcos e volutas. Todo, probablemente, baixo a dirección do famoso arquitecto compostelán Simón Rodríguez, mestre de obras do convento entre 1719 e 1724. 

 

Axiña o público poderá ver o resultado dos traballos feitos polo Consorcio e “ser consciente do valor que ten o que hai debaixo do pavimento de madeira”, segundo subliña a arquitecta da Oficina Técnica.