O Consorcio concedeu este ano 274.000 € a través dos seus diferentes programas de axudas

venres, 28 Decembro, 2018

O Consorcio de Santiago ten en marcha na actualidade tres programas de subvencións destinados á rehabilitación de inmobles e locais comerciais situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Trátase do Programa de axudas á rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas, co que se busca mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, e optimizar o seu illamento acústico; o Programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos inmobles; e o Programa “Localízate”, centrado na rehabilitación dos locais comerciais.

 

No marco da convocatoria de 2018, no referente ás subvencións á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas dos inmobles da Cidade Histórica, o Consorcio destinaba un total de 150.000 €. Das 27 solicitudes presentadas, aprobáronse 22, polo que o organismo financiou 147.487,24 dos 412.834,72 € de investimento global previsto neste eido. En particular, subvenciónanse as actuacións de restauración de carpinterías nun 50%, as de substitución de carpinterías nun 40% e o 30% da restauración das reixas; todo isto sobre un presuposto calculado en base a uns módulos.

 

No caso das subvencións do Programa “Ter é manter”, o Consorcio dedicaba un total de 150.000 €. Das 34 solicitudes presentadas, aprobáronse finalmente 22. Así, o organismo financiou 97.444,12 € do investimento global previsto, que alcanza os 314.774,34 €.

 

Respecto á rehabilitación dos locais comerciais, neste exercicio o organismo destinaba un total de 148.000 €. Este programa reuniu 7 solicitudes, das cales finalmente se concederon 4. Deste xeito, o Consorcio financiou 29.140,85 € do investimento global previsto, situado nos 82.098,69 €.

 

Cómpre salientar que as cantidades relativas ás axudas non inclúen o IVE, posto que non é subvencionable.

 

O Consorcio ofrece asistencia técnica aos beneficiarios das axudas en todo o proceso

 

Estas axudas inclúen tamén a asistencia técnica en todo o proceso. Así, os técnicos do Consorcio elaboran a documentación técnica necesaria para a realización das obras, ao tempo que se encargan da dirección das mesmas e da coordinación de seguridade e saúde. Deste xeito, acompáñase en todo momento aos beneficiaros das subvencións. No que respecta ao programa de rehabilitación dos locais comerciais, o Consorcio de Santiago encárgase de redactar a memoria técnica no caso das obras de pequena entidade.

 

As axudas do vindeiro ano publicaranse en xaneiro

 

As convocatorias destes tres programas de axudas para o vindeiro ano 2019 publicaranse no mes de xaneiro, cun importe global de 375.000 euros.