
O Consorcio de Santiago publicou este 4 de setembro na Plataforma de Contratación do Estado a licitación para levar a cabo unha intervención na Facultade de Xeografía e Historia, en concreto para a restauración, conservación e limpeza das fachadas este e sur do claustro, así como para executar as obras necesarias para a habilitación dun espazo na planta baixa do inmoble para o depósito de publicacións periódicas da biblioteca do centro. Para iso, será preciso acometer a reforma de despachos, seminarios e zonas de circulación que actualmente ocupan a planta baixa da Facultade.
O orzamento base de licitación (con IVE) ascende a un total de 395.244,15 euros, e estímase que o prazo de execución das obras non excederá os 6 meses. Debido a que os espazos nos que se intervirá contan con accesos a través das zonas exteriores e interiores de circulación xeral do edificio, as obras acometeranse sen entorpecer as actividade do persoal e alumnos da Facultade. As empresas interesadas na oferta terán ata o 30 de setembro de 2025 para presentarse.
As actuacións previstas nas fachadas sur e este do claustro, nas que se intervirá unicamente nas fábricas pétreas, teñen como obxectivo a restauración, conservación e limpeza para deter e estabilizar os procesos de alteración dos paramentos pétreos, provocados pola degradación biolóxica, ambiental, construtiva e antrópica, así como emendar os danos máis relevantes.
Por outro lado, a intervención interior ten como obxectivo dispoñer dun espazo propio na Facultade de Xeografía e Historia para depositar os fondos das publicacións periódicas da biblioteca do centro, que actualmente e desde setembro de 2024 atópanse na cafetería da Facultade. En xaneiro de 2025, a Universidade de Santiago de Compostela recibiu unha subvención directa do Consorcio de Santiago para acometer as intervencións de reforma e rehabilitación necesarias para a habilitación deste novo espazo, grazas ao incremento das aportacións das administracións consorciadas (Administración Xeral do Estado, Xunta de Galicia e Concello de Santiago de Compostela) nos orzamentos de 2025 do Consorcio de Santiago.
As obras previstas na reforma interior consisten na demolición de tabiques, falsos teitos e carpintería interior para acondicionar un despacho e un local para depósito de publicacións; renovando as instalacións de electricidade, datos e protección de incendios, con repasos nos pavimentos e pintado de paramentos.
O Consorcio de Santiago está dispoñible para atender calquera dúbida ou aclaración ao respecto da licitación, tanto telemática como presencialmente na sede do Consorcio na Rúa do Vilar 59, Santiago de Compostela.