O mestre ferreiro Santiago Martínez Otero puxo o punto e final ao Curso de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación

xoves, 23 Novembro, 2023

A quinta edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (CEGOR), organizado pola Fundación Laboral da Construción de Galicia en colaboración co Consorcio de Santiago, puxo o seu punto e final coa formación en forxa por parte de Santiago Martínez Otero, mestre ferreiro compostelán que no 2021 recibiu o premio Richard H. Driehaus das artes de construción polo seu labor na empresa Forxa Chago.

 

Durante a sesión puideron aprender como son os diferentes materiais cos que se traballa na forxa, así como as técnicas ou segredos para atopar unha mellor calidade e durabilidade dos traballos.

 

No curso participaron 31 profesionais, todos eles persoal técnico ou xefes de obras de rehabilitación. Entre eles atópanse arquitectos e arquitectas de toda Galicia, arquitectos técnicos, restauradores e responsables de empresas construtoras.

 

Especialización única
Este ciclo formativo, no que xa se formaron 90 persoas desde o ano 2019, impartiuse os venres e sábados entre os meses de maio e novembro no Centro de Formación de Santiago en Pontepedriña de Arriba e representa unha especialización única en Galicia nun dos campos máis en auxe hoxe en día na construción: a rehabilitación. Destaca o grao de satisfacción dos profesionais que xa o cursaron que destacan como sobresaliente.

 

Baixo a coordinación do arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio Ángel Panero, o CEGOR aporta unha visión integral da xestión dunha obra de rehabilitación, comezando pola súa xestión administrativa e legal, pasando pola súa xestión económica, polo coñecemento de materiais e técnicas así como as instalacións e eficiencia enerxética.

 

Durante os sete meses de duración, o alumnado recibiu tamén clases de ata 40 persoas expertas recoñecidas do sector a través de formacións teóricas e obradoiros prácticos sobre as técnicas e oficios de rehabilitación como o estucado, a cantería, a forxa ou a madeira, incluíndo tamén leccións sobre xestión administrativa e económica das obras de rehabilitación. Ademais realizáronse visitas a empresas para coñecer distintos materiais construtivos.

 

Previamente impartiuse, entre outros, un taller práctico de morteiros a base de cal hidráulica e aérea por parte do mestre artesán Martín García, un de revocos e estucos levado a cabo polo mestre estucador Oriol García ou un sobre cubertas de cinc, cobre e chumbo a cargo de Manuel Álvarez. Tamén tiveron unha clase maxistral do profesor Manuel Guaita, catedrático de estruturas da USC, sobre estruturas de madeira.

 

Entre as visitas a empresas das que se dispuxeron destacaron Maderas Besteiro, o serradoiro de granito de Sograni en Porto do Son, ou centros de investigación como o laboratorio PEMADE da Universidade de Santiago e o edificio Impulso Verde de Lugo. Outras compañías que participaron foron Tejas Verea ou Schlüter.